O Ministerio confirma que Sobrado recibirá finalmente migrantes chegados ás Canarias

Vista da localidade de Sobrado dos Monxes, na comarca de Melide (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
"Tal e como estaba previsto, o albergue de Sobrado dos Monxes comezará a formar parte da rede de acollida do Ministerio", indicou o Goberno español nun comunicado.

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migración confirmou que finalmente a localidade de Sobrado dos Monxes (comarca de Melide) recibirá esta quinta feira inmigrantes chegados a Canarias.

"Tal e como estaba previsto, o albergue de Sobrado dos Monxes comezará a formar parte da rede de acollida do Ministerio", indicou o Goberno español nun comunicado.

Será esta quinta feira cando veñan ao devandito municipio as primeiras persoas chegadas ás costas do Estado español nas últimas semanas, segundo as mesmas fontes.

Todo iso despois de que a pasada terza feira O Porriño (comarca de Vigo) acollese os 40 migrantes que inicialmente ían chegar a Sobrado dos Monxes, tras descartarse esa opción entre críticas do alcalde socialista, Lisardo Santos, que sinalou que o Concello non tivo "ningunha comunicación oficial, nin por parte da Delegación do Goberno español na Galiza nin do Ministerio".

A repartición

Dos perto de 400 inmigrantes que serán trasladados á Galiza, inicialmente 40 chegarían a Sobrado a pasada segunda feira, uns 350 a Sanxenxo (O Salnés) -175 o 1 de novembro e outros 175 o día 8- e ao redor dunha vintena á Coruña e a Vigo. Con todo, O Porriño foi o lugar elixido para albergar migrantes tras rexeitarse Sobrado.

Agora, Sobrado volve incluírse na lista, aínda que o Ministerio non informou de cantas persoas chegarán a esta localidade da comarca melidá finalmente.