No mínimo habería 63 casos de pederastia na Igrexa na Galiza

Sede do Bispado de Ourense. (Foto: Google)
A investigación xudicial sobre o cura do Carballiño por presuntas agresións sexuais a dúas sobriñas, cometidas cando ambas eran menores de idade, volve pór de actualidade os abusos cometidos por membros da Igrexa. Na Galiza, cando menos, habería 63 casos de pederastia.

Non existe no Estado español, a diferenza do que sucede noutros países, unha base de datos sobre os casos de abusos a menores na Igrexa. Hai unha auditoría en marcha da propia institución católica e hai tamén un proceso por parte da Fiscalía para requirir datos sobre estes delitos ás dioceses. A única "base de datos" existente é a contabilidade que, desde hai anos, e a través de investigacións en todo o Estado leva o xornal El País, e que é usada por entidades e mesmo despachos de avogados que defenden as vítimas deses abusos.

Nesa listaxe, figuran 63 casos de abusos a menores na Galiza. Eses 63 casos superan os que aparecen referidos a outros territorios do Estado, como Euskadi (55), Nafarroa (58), Asturies (22) ou Cantabria, con 15. Madrid e Barcelona encabezan esta base de datos, con máis de 100 casos en cada unha delas. 

Ningunha das dioceses galegas remitiu á Fiscalía Xeral do Estado datos sobre casos de abusos sexuais a menores denunciados ante estas institucións e só dúas das cinco dioceses existentes na Galiza responderon ao requirimento da Fiscalía. 

Foron a de Mondoñedo-Ferrol e a de Santiago de Compostela, e fixérono remitindo unha "carta modelo" na que se recolle que, "agás inadvertencia, non existen denuncias ou testemuños recadados desde as oficinas de asistencia ás vítimas relativos á comisión de delitos contra a liberdade sexual contra menores de idade". As outras tres dioceses –Ourense, Tui-Vigo e Lugo– non responderon ao requirimento da Fiscalía. O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, avanzou durante unha comparecencia no Senado hai uns días que á vista da "escasísima información recibida" por parte das distintas dioceses sobre casos de abusos sexuais a menores, remitirá oficios a determinadas entidades e congregacións relixiosas para recadar información sobre casos dos que a Fiscalía aínda carece de datos.

Das 70 dioceses que hai no Estado español, só as dioceses de Barcelona, Sant Feliú (Catalunya), Barbastro (Aragón), e Vitoria (Euskal Herria) enviaron á Fiscalía Xeral do Estado datos concretos –como, por exemplo, o nome da vítima– dos casos de abusos sexuais denunciados nas súas dioceses. Outras 26 -como no caso de dúas galegas- responderon con cartas modelo.

Unha denuncia previa contra o párroco do Carballiño prescribira

O Bispado de Ourense apartou de maneira cautelar esta segunda feira o párroco investigado como presunto autor de agresións sexuais continuadas a dúas sobriñas. Mais xa en 2019, una delas, daquela con 19 anos, denunciárao por abusos sexuais cando esta era menor de idade. O cura, que estaba a cargo de varias parroquias de Allariz, chegara a ser apartado das súas funcións, mais non fora xulgado porque o delito prescribira. 

En abril de 2021, o Bispado permitiulle ao acusado volver ás súas funcións sacerdotais até esta segunda feira.

Portugal, Francia e Alemaña fan públicos os datos de abusos

O que acontece no Estado español, coa inexistencia de base de datos oficiais de pederastia na Igrexa, contrasta co acontecido noutros países, onde a través de comisións de investigacións ou informes documentáronse miles de casos de abusos a menores.

A comisión independente que investiga este tipo de abusos na Igrexa portuguesa estima que hai no mínimo 4.815 vítimas. O informe da comisión foi entregado en febreiro polo equipo dirixido polo psiquiatra infantil Pedro Strecht ao presidente da Conferencia Episcopal Portuguesa, o bispo de Leiria-Fátima José Ornelas. A investigación determina que houbo unha "cultura da ocultación" na igrexa sobre estes abusos. 

Por outra parte, un informe revelaba en 2019 que 3.677 nenos sufriron abusos sexuais por parte de curas en Alemaña. O documento, encargado pola propia Igrexa católica a tres universidades alemás, sacou á luz que no mínimo 1.670 sacerdotes abusaron e violaron nenas e nenos entre 1945 e 2014. 

En Francia, o comité de investigación desvelaba en 2020 que ao redor de 216.000 nenas e nenos foron abusados sexualmente por bispos e sacerdotes desde 1950 até 2000. Un número que podería aumentar a 330.000 de se incluír as agresións por parte de membros laicos da Igrexa.