A mineira de San Fins, do grupo Sacyr, denuncia Adega a raíz dunhas mostras de auga

Imaxe: Adega

Os ambientalistas reprochan a “estratexia do medo” da empresa, que os acusaría de entrar en terreo privado sen permiso. Adega di que accederon a este terreo, “propiedade da comunidade de montes”, para tomar mostraxes.

‘Tungsten San Finx SL’, empresa do grupo Sacyr que pretende reanudar a actividade mineira en San Fins (Lousame) presentou unha denuncia contra Adega. A propia Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza é quen informou do paso dado pola compañía e que atinxe o secretario executivo da entidade, Fins Eirexas, afirmando que se lle acusa de entrar en terreos privados sen permiso.

Desde Adega recoñecen que en maio do pasado ano realizaron unha mostraxe das augas residuais mineiras procedentes das minas de San Fins coa finalidade de “ofrecer á cidadanía datos obxectivos sobre o grao de contaminación dos efluentes da mina”. ‘Tungsten San Finx SL’ anunciaba que quería reanudar a actividade mineira e solicitara a Augas de Galiza permiso para verter ao dominio público 1 millón de metros cúbicos por ano de augas procedentes das galerías inundadas e das entulleiras.

Unhas verteduras, sinala Adega, que serían deitadas polo rego de San Fins (ou da Rabaceira) até a ría de Noia, “podendo supoñer un perigo para o ecosistema da ría e a produtividade marisqueira”.

Potencial contaminante

Foi entón, explica Adega, que decidiron “achegármonos até a explotación para tomar diversas mostras”. Unhas mostraxes que, sinalan, confirmaron a alta carga contaminante das augas mineiras.

Adega informa que unha das mostras tomouse nas augas no rego da Rabaceira que escoan da bocamina "Buenaventura. A denuncia vai atinxir o secretario executivo de Adega Fins Eirexas, asinante das alegacións, por ter entrado "en terreos privados sen permiso", armado cun medidor de pH e unha garrafa de plástico.

Adega pregúntase “dende cando está prohibido achegarse ao dominio público hidráulico, e xa que estamos, onde están as medidas de contención e seguridade das minas San Fins, un recinto aberto ao que calquera pode acceder. Tamén queremos lembrar que o terreo da mina "Buenaventura" no que se tomou a mostra non é propiedade da empresa, senón que pertence á Comunidade de Montes de Silvarredonda”.