Un millón de metros cúbicos de augas residuais ameazan a Ría de Muros-Noia

San Fins

Adega denuncia que a empresa que quer explotar a mina de San Fins (Lousame), solicitou permiso para verter esas augas, previo tratamento, a un rego que vai dar a esa ría.

A mineira Tungsten San Finx SL, do grupo Sacyr, solicitou a Augas de Galiza permiso para verter, previo tratamento, por volta dun millón de metros cúbricos de augas residuais mineiras (procedentes das galerías anegadas e escorrentías das entulleiras) ao rego de San Fins, en Lousame. Denuncia Adega que estas augas, con elevada acidez e contidos de metais pesados, son un importante risco. Ese rego vai dar ao Vilacoba, que acaba na Ría de Noia. “Malia a que a empresa insiste en que as augas residuais que pretende verter cumprirán cos límites legais de contaminantes, as analíticas que manexa Augas de Galiza (e que figuran na documentación do proxecto) din o contrario”, sosteñen desde a organización ambientalista.

Así, afirman que mesmo a quilómetro e medio augas abaixo da mina os níveis de cadmio, Cobre e cinc disoltos sobardan os límtes máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental (NCA) do RD 817/2015. O punto de vertido final levará estas augas até a vella balsa mineira actualmente ateigada de sedimento e con risco de derrubamento. Nos anos 50 do pasado século, a vella balsa que aínda existe na actualidade e ameaza con derrubarse en calquera intre, crebou esterilizando a vida río abaixo case até a vila de Noia.

Adega reclama da administración hidráulica galega a denegación da solicitude de Tungsten San Finx SL para facer ese vertido. “Por moitas medidas de contención que se poñan, o risco dun accidente nunca será cero. Tendo en conta os precedentes históricos, cando hai 60 anos a vella balsa que aínda acumula milleiros de toneladas de lodos tóxicos crebou arrasando todo río abaixo, este risco nunca poderá compensar os supostos beneficios que a mina deixaría na comarca. Canto vale para a Xunta a seguranza e a saúde de toda unha ría?”