Denuncia ecoloxista

Unha mineira australiana "okupa" ilegalmente o edificio da mina de Varilongo, en Santa Comba

Steven Turner, nunha visita a Varilongo (Foto: Ecoloxistas)

Tanto o Concello como a comunidade de montes iniciarán accións legais contra a empresa, anuncia Ecoloxistas en Acción.

Esta semana finalizou o prazo de 15 días naturais que o Concello de Santa Comba outorgou á empresa australiana ‘Rafaella Resources’ para que abandonase a chamada "Casa da Mina", “que viña ocupando ilegalmente desde 2019, sen calquera tipo de autorización e sen aboar calquera canon por este uso continuado”, informa Ecoloxistas en Acción.

O Concello deu este paso a instancias deste colectivo e logo de verificarse “a situación irregular, unha vez que o edificio mesmo consta como sede fiscal das empresas instrumentais da cotizada australiana, Rafaella Recursos España Capital S.L., Rafaella Recursos España Servicios S.L. e Galicia Tin & Tungsten S.L., todas elas administradas por Steven Turner”.

O edificio, que xa servira como oficinas nos anos 1960 e 1970 da Compañía Minera Santa Comba e da Compañía Minera Celta, encóntrase dentro dunha parcela da Comunidade de Montes Veciñais de Grixoa de Esternande e fora restaurado polo Concello entre 2002 e 2003 para usarse con fins sociais.

“Agora, tanto o Concello como a comunidade de montes vense abocados a iniciar accións xudiciais contra os "okupas" australianos, que mesmo impediron o acceso dos comuneiros de Grixoa aos seus terrenos comunais”, di a organización ambientalista.

A mina de Varilongo foi abandonada en 1987 e a actual concesionaria fíxose coas concesións en 2015, estando paralizada desde entón. “A pesar de estar obrigada a declarar a caducidade das concesións e a obrigar a restaurar as labores abandonadas, a Xunta mantivo vixentes os permisos e agora prepárase para tramitar un novo proxecto mineiro a ceo aberto que convertería toda a zona nun inmenso cráter rodeado de montañas de residuos”.

Paraísos fiscais

Rafaella Resources tamén se fixo coa titularidade de Tungsten San Finx, a firma que explota a mina homónima no concello de Lousame, até o de agora en mans da construtora española Sacyr. Con esta adquisición, a compañía australiana faise forte na Galiza, onde xa opera a mina de Varilongo, en Santa Comba, á que devolveu a actividade despois de 36 anos parada

Parte deses beneficios irían a parar a paraísos fiscais, xa que, como denuncian desde Ecoloxistas en Acción, as dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e a súa filial Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd, un conglomerado estabelecido nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, "en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia", apuntan desde o colectivo ecoloxista.

Esta circunstancia failles temer que, con esta manobra de compravenda, Sacyr pretenda eludir as súas responsabilidades medioambientais, agora que se está a tramitar un proxecto de retirada de vertidos e outro de residuos mineiros nas presas abandonadas de San Finx que porían en risco a calidade das augas na ría de Muros e Noia. "As consecuencias multimillonarias de implicar o fechamento de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema", indican desde Ecoloxistas en Acción.