Cornado Mina Non cualifica de "pura propaganda" o proxecto de restauración en Touro

O investimento previsto é "claramente insuficiente", di o colectivo de persoas afectadas polo proxecto mineiro (Foto: Cornado Mina Non).
O colectivo veciñal considera "insuficiente" o investimento previsto por Cobre San Rafael, xa que "só se cubrirá unha mínima porcentaxe da área realmente prexudicada pola antiga explotación de cobre".

A plataforma veciñal Cornado Mina Non emitiu esta sexta feira un comunicado no que "agradece" a aclaración pública que fixo a empresa Cobre San Rafael o día anterior para garantir que investirá os 1,9 millóns de euros prometidos para restaurar a contorna e non pouco máis de 38.000 euros, como apuntaba este colectivo.

"En realidade, o desembolso é de Explotaciones Gallegas S.L. [sociedade matriz de Cobre San Rafael] e a cifra exacta sitúase nos 38.146 euros, o que equivale aos traballos dunha obra de saneamento de carácter menor a nivel municipal, moi lonxe da actuación a gran escala publicitada pola mineira", dixeran.

Porén, a compañía mineira cualificou de "inxurias" eses comentarios e explicou que a meirande parte das actuacións de rehabilitación se producirían no termo municipal do Pino, onde, dixeron, xa recibiron dúas licenzas, cunha contía asignada de 850.000 euros cada unha, e o resto das obras previstas "non requiren de licenza municipal", motivo polo que os gobernos locais aínda non terían recibido notificación.

Na súa resposta desta sexta feira, Cornado Mina Non salienta que, malia todo, tal e como están proxectadas estas actuacións son "claramente insuficientes", xa que "só se cubrirá unha mínima porcentaxe da área realmente prexudicada pola antiga explotación de cobre".

"Non só están afectadas canles fluviais como as do Portapego ou o Brandelos, senón que outros moitos ríos e ducias de regos sofren o impacto negativo dos arrastres de metais pesados procedentes da mina abarcando unha extensa área de moitos quilómetros cadrados de superficie de solos profusamente contaminados", argumentan.

En consecuencia, a plataforma considera "puro fume" e un "parche propagandístico" o proxecto de restauración da compañía mineira, "ante a presenza de miles de toneladas de lodos tóxicos nun problema provocado por décadas de ilegalidade e desleixo desde o fechamento da explotación en 1988".

Por outra parte, o colectivo veciñal "celebra" o "novo golpe" á mina tras a desestimación do recurso de reposición presentado pola empresa fronte á resolución negativa da Xunta da Galiza.

"Esta nova actuación da Administración galega certifica a inviabilidade ambiental do proxecto mineiro, ratificada na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa emitida oficialmente no seu momento, dando a razón á cidadanía", subliñan.