Milleiros toman as rúas para alertaren sobre a emerxencia climática

[Imaxe: Greenpeace Galiza] Manifestación de Vigo

O Movemento Galego polo Clima, seguindo a causa de Fridays for Future, convocara para a sexta feira mobilizacións en distintos puntos de Galiza para alertar sobre a emerxencia climática. Foron milleiros as persoas que acudiron á chamada.

A cidadanía pode contribuír na necesaria transición ecolóxica, mais son os Gobernos quen teñen que actuar nun estado de emerxencia climática. Baixo este precepto milleiros de persoas saíron ás rúas a pasada sexta feira nas cidades galegas convocadas polos máis de cincuenta colectivos, asociacións ou ONG integradas no Movemento Galego polo Clima.

Capitaneadas por mozas e mozos, as manifestantes corearon consignas contra o capitalismo e a favor de cambios lexislativos que posibiliten mudar o contexto de emerxencia climática. As marchas máis numerosas foron a de Compostela, que partía pasadas as 19.30 horas da praza do Matadoiro baixo o lema “Unidade polo futuro”, e a de Vigo, que o facía media hora após desde Vía Norte.

Nas mobilizacións leron o manifesto do Movemento Galego polo Clima, que, centrado na Galiza –lembra que a nación fai parte dese 20% da humanidade que emprega o 80% dos recursos do planeta– censura o modelo de produción e consumo actuais. Reclamouse, así, a declaracións da emerxencia climática, a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro para evitar que a temperatura da Terra aumente 1,5 graos –o que tería consecuencias perigosísimas para o medio ambiente– e o compromiso serio e vinculante dos Gobernos para minimizar o cambios climático.

As dez medidas que esixe o movemento galego teñen no albo o Goberno estatal, o galego, as deputacións e os concellos. A redacción dunha Lei de emerxencia climática de Galiza, a mudanza nas políticas forestais, a eficiencia no uso da auga, unha política agraria baseada en produtos de proximidade e sustentábeis.

Tamén reclama que “comecen a dicir a verdade” sobre a emerxencia climática como un grave problema para toda a sociedade “e non como un novo nicho de oportunidades económico-empresariais”, medidas amparadas con partidas orzamentarias para loitar de maneira efectiva contra os focos de contaminación, construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticos, educación ambiental e sensibilización.

“Entendemos que é hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma; asumido que non é posíbel o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados”,  escoitouse nas cidades e vilas como Lalín e Ribadeo, “xa non acreditamos no crecemento sustentábel, no capitalismo verde, na economía circular, nas baixas emisións, nas medidas correctoras, nos filtros anticontaminación, nas inspeccións”. “Exiximos medidas concretas”, engadía o manifesto.

Os protestos coincidiron coa folga mundial polo clima do movemento Fridays for Future, que tivo un alto seguimento nas universidades galegas.

Se queres saber máis sobre as reivindicacións do Movemento Galego sobre o Clima, le o último número do semanario en papel Sermos Galiza, o 365, cuxo Tema de Primeira versa sobre os principais problemas da Galiza desde o punto de vista do medio ambiente e sobre as súas solucións.