Kai Lois Baltrusch Montero, portavoz de Fridays For Future

“Os gobernos teñen que comezar a dicir xa a verdade sobre a emerxencia climática”

Kai Lois Baltrusch Montero, portavoz de Fridays For Future.
Esta sexta unha folga mundial impulsada por un movemento de mozas e mozas volverá chamar a atención sobre a irresponsabilidade das persoas adultas dos países máis ricos que están ao mando do planeta e miran cara a outro lado cando escoitan falar de quecemento global. Para as sete e media da tarde está convocada unha manifestación en Compostela; e ás oito, ás da Coruña e Vigo, así como concentracións noutros puntos do país. 

Na Galiza, un dos portavoces de Fridays For Future é Kai Lois Baltrusch Montero, 23 anos e natural de Ponteareas, estudante de  Bioloxía en Compostela e “agora fago tamén de co-voceiro no Movemento Galego Polo Clima”, a plataforma que conseguiu agrupar 78 organizacións e colectivos en defensa do planeta fronte a destrución que impón o modelo económico capitalista.

Como facer que un escéptico das consecuencias inmediatas do quecemento global entenda a situación de alarma?  
A probabilidade dun cambio global abrupto, é dicir, de chegar a un escenario que pon en risco a continuidade da nosa civilización é dun 5%. Mais esa probabilidade está calculada en base aos gases de efecto invernadoiro emitidos até agora. E isto vai indo a máis. O cambio non é un proceso lineal; é un círculo vicioso. Parece pouco o 5%, pero é como subirse a un avión que ten 1 posibilidade entre 20 de que se vai espetar… quen subiría a ese avión? Ninguén subiría, pero estades enviando as vosas fillas e fillos a subir a ese avión. 

Hai máis escépticos entre aqueles que temen perder o traballo?  
Estámolo vendo no caso das Pontes e comprendémolo. O manifesto polo clima reclama que se feche a central… O que o movemento reivindica é unha transición ecolóxica xusta que asegure o traballo en sectores ambientalmente sostíbeis. Pero iso non quita que haxa que facer sacrificios para cambiar o sistema de crecemento ilimitado nun planeta con recursos finitos. O que está en xogo non son só postos de traballo, senón a continuidade da civilización humana. 

Se puidese elixir unha tribuna no país desde a que lanzar a voz de alerta, cal elixiría?  
Pois aquela na que tivese un maior impacto e chegase a máis xente. Se fose no Parlamento e emitido en directo pola TVG, pois por min, perfecto. Ten unha importancia tremenda transmitir esta situación de emerxencia. Os Gobernos teñen que comezar a dicir xa a verdade sobre a emerxencia climática.

Cal sería a primeira frase desa mensaxe?
Estades endebedando o noso futuro.

Ninguén subiría a un avión que ten 1 posibilidade entre 20 de se espetar, pero estades enviando as vosas fillas e fillos a subir a ese avión.

Cando tomou conciencia do problema e decidiu actuar?
Pois desde que empecei a carreira… pero é certo que neste último verán movementos como Extinction Rebellion, do que tamén fago parte, ou Fridays For Future empezaron a coller forza na Galiza. Empecei a participar na construcións destes movementos aquí no país, e agora na organización da folga polo clima deste 27 de setembro.

Como define Fridays For Future?
Empezou pola iniciativa de Greta Thunberg de facer folga cada sexta feira, unha protesta para denunciar a inacción dos Gobernos diante dunha situación de emerxencia climática. O fundamental é que somos un movemento liderado pola mocidade e cuxa cara visíbel é a mocidade. Tócanos darlles un toque de atención aos Gobernos.

Cal é a implantación de Fridays For Future na Galiza?
Alá por febreiro apareceron os primeiros núcleos activos en Ferrol, en Vigo e na Coruña. O nodo de Santiago activouse contra finais do curso académico. Agora estamos no Movemento Galego polo Clima, unha plataforma que se construíu a partir de agosto ao redor dun manifesto. Na coordinación andaremos polas corenta persoas de distintas organizacións. Pero o papel central durante a xornada de folga é de Fridays For Future, como entidade que convoca. 

Que achega Fridays For Future ao movemento ecoloxista?
Un sopro de ar fresco. Centrar o foco en quen vai sufrir as consecuencias do quecemento global, as xeracións máis mozas. E somos nós, mozas e mozos, quen debemos liderar agora a chamada de atención. 

Hai maior sensibilidade respecto do problema do quecemento global entre a mocidade que noutros segmentos de idade? 

Penso que si. Isto nótase en países nos que a educación ambiental asentou hai anos… non como aquí. Digamos que somos xeracións máis formadas na cuestión e por iso estamos máis concienciadas. E comprendemos que chegou a hora de actuar, pero o chamamento á folga está dirixido a todas as idades.

Quen ou que son os culpábeis do quecemento global?
Fridays For Future apunta directamente aos Gobernos pola súa inacción. Evidentemente podemos falar de actores concretos: de empresas que causan danos ambientais, ou dos nosos propios hábitos de consumo. Pero os grandes cambios estruturais, empezando pola transición enerxética, son decisións que atinxen os Gobernos. Hai cousas, como a creación de impostos ou a redución a cero das emisións, que pensamos que só se poden conseguir centrando a atención sobre os Gobernos. Desde a política pódese incidir tanto nas empresas como nos nosos impactos.  

Os problemas derivados do quecemento global afectan todo o planeta, pero segundo as áreas, uns inciden máis que outros. Muda tamén a estratexia de denuncia?
A nosa estratexia non muda porque o que estamos é a solicitar dos Gobernos que actúen xa. As reivindicacións concretas son bastante xenéricas e son asumidas por todo o movemento. Tampouco corresponde a Fridays For Future levar á sociedade o debate sobre como facer a transición ecolóxica, se en base a un capitalismo verde, ao decrecemento ou a unha economía circular. De momento, a loita é a visibilización dos problemas e que os Gobernos presten atención. 

Cales son os problemas máis graves aos que podería enfrontarse Galiza?
Hai problemas globais moi graves, entre eles, a subida do nivel do mar. No noso caso, se xuntamos a xestión do monte cun monocultivo de determinadas especies forestais co quecemento global os resultados poder ser nefastos. Despois están os bancos de pesca, que tamén se ven en perigo, como a seguridade alimentaria no que respecta á produción no rural, na horta, neste caso por pragas ou procesos de desertificación.

Que aprenderon do movemento ecoloxista galego neste espazo que están a construír? 
Estamos aprendendo moito, claro. Somos inexpertas. Pero o que teño que dicir é que nos están dando espazo. Están cumprindo un papel de acompañante, que apoian con recursos e consellos, pero deixando que teñamos o noso propio espazo.