Milleiros rexeitan na rúa a política mineira da Xunta: "Galiza non é a leira do PP"

Corcoesto, a Serra do Galiñeiro, a Terra Chá, a comarca Eo-Oscos-Terras de Burón, a Serra da Groba, Xinzo de Limia, a comarca de Ordes-Santiago de Compostela... a capital da Galiza ficou pequena para abranguer unha maré humana que con forza deu máis un exemplo de dignidade.  

 

Milleiros de persoas congregábanse ás 12.00 da mañá na Alameda de Compostela mais nada semellaba avanzar o que viría despois. Unha maré humana colapsou as rúas da capital da Galiza para rexeitar ao unísono a política mineira que están a promover as empresas transnacionais "coa cumplicidade da Xunta de Galiza". Así o manifestaban desde a Rede de colectivos contra a minaría salvaxe a poucos minutos de comezar a mobilización. 

Isabel Vilalba, secretaria do Sindicato Labrego Galego (SLG) e unha das portavoces da Rede ContraMINAcción denunciou as consecuencias medioambientais do que considerou unha "política colonial como a que xa se desenvolveu noutros lugares". Unha política que "cada vez mais", apuntou "a sociedade rexeita". 

Contra as políticas coloniais

E o certo é que as voces clamaron contra este modelo ao berro de "Estamos fart@s de ser unha colonia", na que empresas foráneas ás que "non lles preocupa o noso país", advertían @s manifestantes, "expolian os nosos recursos" deixando tan só "un grande buraco, cada vez máis e máis profundo" denunciaron @s voceir@s das plataformas que desde todos os puntos do país exixiron a parálise dos proxectos mineiros en curso e, daqueles, que se prevé aprobará o plan sectorial de actividades extractivas da Xunta de Galiza.  

"É unha patente de corso", denunciaron desde Verdegaia. Un cheque en branco para "que as empresas mineiras poidan facer o que lles dea a gaña" pasando por enriba "de aclquera figura de protección do medio". Nin ríos, nin espazos protexidos como a Rede Natura, nin tan sequera aqueles espazos de alto valor ecolóxico e agrogandeiro que salvagardan o futuro das comarcas do interior do país. A nova norma impulsada pola goberno de Alberto Núñez Feijóo quere favorecer “a apertura en canal do noso país”, sentenzou o portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xavier Vence. 

O líder nacionalista criticou con dureza que se estean a aprobar proxectos mineiros –como os de Corcoesto-- “sen ter mesmo aprobado o propio plan” --actualmente en proceso de exposición pública. “É un despropósito” que revela, dixo, “as urxencias” do executivo galego por responder aos “intereses das empresas mineiras” en troca dos de todo o país. 

"Galiza non se vende, se cultiva e se defende"

Mais “Galiza non se rende” nin “se vende”. Clamaron os milleiros de persoas que se achegaron á capital da Galiza para rexeitan a política mineira da Xunta mais tamén a “sede de ouro” das transnacionais. 

“A Terra cultívase e deféndese”, respostaban @s manifestantes que deron as costas á minaría salvaxe para reivindicar o dereito a protexer “o futuro das comarcas” fronte “o capital especulativo” .

"Nin mina nin cianuro, queremos aire puro", entoaban milleiros de persoas ao seu paso pola Praza de Galiza. O centro neurálxico das mobilizacións ficou pequeno para acoller a manifestación que á metade do seu percorrido aínda albiscaba as comitivas saíndo da Alameda. Ao tempo que centos de manifestantes comezaban a encher a Quintana. 

Máis de media hora de diferenza entre a chegada da cabeceira da manifestación até a entrada das últimas comitivas que, xa, non collían nunha praza ateigada. Ao pé da catedral, ducias de faixas vindas de todos os recunchos do país e portadas por máis de 40 organizacións, daban comezo a un acto final interrompido polos berros d@s participantes que clamaban a prol da resistencia dun "pobo unido" que "xamáis será vencido", afirmaron. 

Representantes das plataformas en defensa do territorio acompañaron @s artistas Sés e O'Leo, encargad@s de pór a nota musical a unha mobilización chea de cor. Porén, @s protagonistas foron todas e cada unha das comarcas e localidades do país que están en loita contra proxectos megamineiros aprobados ou a piques de se aprobar. 

Ducias de voces que reclamaron o dereito de Galiza a defender "a súa dignidade" dicindo non á minaría salvaxe. Agora, a pedra está no tellado dunha Xunta de Galiza que deberá dicir de que lado se pon. "Ou a mina, ou nós".