20 MIL PERSOAS NA CAPITAL DA GALIZA E MáIS DE 5 MIL NA CIDADE AMURALLADA

Milleiros de persoas defenden o sector lácteo en Compostela e Lugo

Imaxes das mobilizacións en Compostela e Lugo

Dúas multitudinarias manifestacións exixiron solucións aos gobernos da Xunta de Galiza e de Madrid fronte á "dramática" situación da produción. A tractorada de Lugo acordou manter as mobilizacións e a de Compostela decidirao na noite desta quinta feira. Feijóo convoca unha nova xuntanza para esta sexta feira.

 

 

Levan máis dun mes en loita e non teñen pensado deixala até non conseguiren un "marco" que garanta o dereito a "vivir con dignidade" do seu traballo. Milleiros de persoas percorreron esta quinta feira (10 de setembro) as rúas de Compostela e de Lugo amosando que non están dispostas a deixar esmorecer un dos sectores estratéxicos da economía galega. 

"Que mellor medida para fixar poboación no interior que a xente poida vivir do seu traballo?"

"Que mellor medida para fixar poboación no interior que a xente poida vivir do seu traballo?", interpelaba Águeda Capón, gandeira de Chantada, ao presidente da Xunta de Galiza diante mesmo dos edificios administrativos do goberno galego. Capón foi a encargada de dar leitura ao manifesto da Plataforma galega en defensa do sector lácteo ao remate da mobilización. Da súa voz desprendíase coñecemento de causa e decisión perante a que é xa unha das crises máis graves que atinxiron o leite galego nas últimas décadas. 

"Debemos exixir ás autoridades que deixen de agocharse detrás da Comisión nacional de competencia e da Comisión europea para non afrontar, como si fixeron os franceses, un plan político para sacar da agonía as granxas que estamos sendo saqueadas sen escrúpulos pola industria e a distribución", subliñou entre os aplausos das 20 mil persoas que secundaron a mobilización na capital da Galiza. 

Un "marco estábel" para poder "vivir dignamente"

"Para iso non nos vale a refinanciación nen os 300 euros que nos queren ofrecer", acrecentou. E é que, entre @s gandeir@s pairaba na manifestación a desconfianza a respeito do que poida acontecer esta quinta feira após a xuntanza que mantén a ministra de Agricultura con representantes da cadea de valor do leite. Dese encontro sairá un bosquexo mais, de facto, coidan, non un acordo que obrigue aos intermediarios (industria e distribución) a pagar prezos xustos e dignos para o produto en orixe. Como tampouco a deixar de "ameazar" a produción "con non recoller" até que o valor do leite cae até "0,20 céntimos ou menos" ou que os centros de distribución comercialicen "máis barato un litro de leite que un de auga". 

Para frear a "apropiación ilegal da renda dos gandeiros", como denuncian, reclaman "un marco estábel que nos permita exercer o noso traballo"

Para frear o que tildan de "apropiación ilegal da renda" d@s gandeir@s, asfirmou Águeda Capón en nome da Plataforma, "só se consegue" através dun "marco estábel que nos permita exercer o noso traballo e poder vivir dignamente". 

É tempo, afirman con rotundidade após máis dun mes de mobilización, de "sinalar co dedo aos responsábeis, aos que se aproveitan da actual situación de desprotección para tirar o prezo [do leite] arruinando a familias enteiras, de sinalar aos que converten o leite nun reclamo; ás marcas e aos cómplices". Un feito que están a levar a cabo através do bloqueo de Mercagalicia, do centro loxístico de Día e do Alcampo en Compotela. Entidades que rexeitan a sinatura dun acordo entre as partes que mellore as condicións económicas das explotacións. 

"É tempo de sinalar co dedo aos responsábeis, aos que aproveitan a actual situación de desprotección arruinando familias enteiras, ás marcas e aos cómplices"

As industrias, no punto de mira 

As familias gandeiras que se mobilizaron esta quinta feira, urxiron ás portas de San Caetano que o presidente da Xunta lidere a defensa do sector. Un sector que representa na Galiza o 40% da produción leiteira de todo o estado e a cuarta rexión do conxunto da Unión Europea. "Non é un caprico señor Feijóo é o seu deber a defensa económica do noso país", insistiron. 

As multitudinarias manifestacións de hoxe en Compostela e Lugo --os dous puntos quentes que mantén acendidos o sector-- non foron o final do percorrido. Esta quinta feira senllas asembleas valorarán o resultado do encontro decorrido en Madrid no que, din, "falta o máis importante, un decreto de garantes" que asegure "unha escala de sancións" para que "non se atrevan a incumprir ditos acordos", mais tamén a súa entrada en vigor de maneira inmediata e non a partir de decembro, como prevé o Ministerio. 

Asemade, advirten, de non alcanzaren un acordo satisfactorio intensificarán a loita nos vindeiros días pondo no punto de mira as industrias. Cando menos, perto de 5 mil tractores están xa preparados. 

Feijóo

O presidente da Xunta convocou para esta sexta feira (12:00 horas) unha nova xuntanza cos e coas representantes do sector produtor. Os gandeiros de Lugo decidiron en asemblea manter a tractorada e "ir facer unha visita a eses sitios que todos coñecemos", nunha referencia ás industrias. Os de Compostela deciden na noite da quinta os pasos a dar.