Milleiros de persoas claman contra as eivas da sanidade pública nas comarcas do país

Recollida de sinaturas e bonecos no PAC de Baltar, no municipio de Sanxenxo, este domingo (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo).
Veciñanza de lugares como Sanxenxo, Caldas de Reis, Viveiro, Soutomaior ou Compostela tinguiu este domingo as rúas galegas de reivindicación por unha sanidade pública de calidade. 

Máis dun milleiro de persoas realizaron este domingo en Sanxenxo unha cadea humana ao redor do centro de saúde de Baltar "en mostra de defensa da sanidade pública de calidade". Ademais, realizouse unha recollida de bonecos que serán doados a unha causa benéfica aínda por dar a coñecer.

Bonecos recollidos no centro de saúde de Baltar.

Previamente, a recentemente nomeada voceira de SOS Sanidade Pública Sanxenxo, Ana Belén Fernández Camiña, así como integrantes do colectivo Pediatras e Matronas Xa, deron lectura a dous manifestos, un en denuncia da precariedade dos servizos de pediatría e matronas nos centros de Atención Primaria, e outro con motivo do día Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N).

Así, denunciaron que "varios centros que non teñen profesionais de atención á infancia" e que "na maioría dos centros, as crianzas son atendidas por médicos de familia, con ou sen formación en puericultura, e non por pediatras". De igual maneira, subliñaron, "é habitual que a atención de enfermería sexa de profesionais non especializados en poboación infanto-xuvenil".

Outra práctica estendida, explicaron, "é que os profesionais sexan itinerantes, compartindo varios centros, polo que o acceso á súa axenda limítase a un moi reducido horario semanal". "Isto dificulta enormemente calquera seguimento, que implica que a persoa usuaria se teña que desprazar seguindo o circuíto do seu facultativo referente", afirmaron. Este modelo, sinalaron, "contempla como dinámica habitual desprazar profesionais que teñen que abandonar o seu servizo para cubrir outro ou varios, polo que a desatención muda de lugar ou lugares e agrávase".

As consecuencias desta precarización da atención sanitaria son, entre outras, afirmaron, “a desatención e abandono sanitario; as persoas usuarias itinerantes, que se desprazan a outros centros na procura de atención sanitaria; a sobrecarga das profesionais, que deben acoller axendas de outros centros ou desprazarse a novas localidades; ou as prácticas médicas dubidosas e de calidade cuestionábel, que poden derivar en complicacións que se poderían evitar”.

Ademais, tamén apuntaron ao “incumprimento de revisións e vacinacións das crianzas; á falta de seguimento dos embarazos e outros procesos fisiolóxicos das mulleres; á falta de profesionais referentes estábeis, para facer seguimentos de tratamentos e prevención; á inexistencia de programas de prevención ou talleres de formación e acompañamento, á saturación do servizo de urxencia do hospital comarcal, e ao aumento alarmante de menores con problemas de saúde física e mental desatendidas”.

“Somos moitas as persoas usuarias afectadas que poñemos reclamacións habitualmente para expor estes feitos ás xerencias, que deben dar solucións”, explicaron. Ao non ser atendidas, pediron unha reunión coa Consellaría de Saúde, “que a día de hoxe non foi atendida”, denunciaron.

“Esta desprotección sanitaria esténdese por toda a Galiza”, remarcaron, “provocando desánimo e moito enfado”. “Nos derradeiros anos o abandono sanitario e a mala xestión en atención primaria maniféstase en grado máximo, por iso queremos reclamar o que é noso e non seremos cómplices co noso silencio”, afirmaron. Por iso, instaron ás Administracións competentes a que “cambien de forma urxente este modelo asistencial de máxima precariedade na atención primaria”.

Milleiros de manifestantes en Caldas

Milleiros de persoas saíron en defensa da sanidade pública de Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas, nunha manifestación convocada polo BNG no municipio de Caldas de Reis. “A magnitude de manifestantes que invadían as rúas notábase no percorrido, cando a cabeza da manifestación estaba xa no centro de saúde, aínda había xente saíndo da rúa real”, sinalaron desde a formación nacionalista.

Multitude de persoas saíron á rúa en Caldas.

“A situación do PAC de Caldas é tan crítica que son máis os días nos que non hai médico que os que si o hai” afirmou Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis, arroupado pola veciñanza. “Non podemos escoller cando nos poñemos enfermos, ou cando precisamos atención médica, por iso lle exiximos ao goberno do Partido Popular que dote os nosos Centros de Saúde e o noso Punto de Asistencia Continuada (PAC) do número de profesionais sanitarios que sexan necesarios para prestar a atención sanitaria de primeira que merece a poboación” sentenciou Fariña.

“A veciñanza deixou claro este domingo o seu apoio á sanidade pública e a uns profesionais sanitarios que realizan o seu traballo sen medios e nunhas condicións absolutamente lamentábeis”, segundo indicou Fariña. “Unha veciñanza que está farta dos recortes e do desmantelamento da sanidade pública, así como das ocorrencias dun Goberno da Xunta absolutamente desnortado e irresponsábel”.

Mobilización da comarca da Mariña

Tamén foi moi numerosa a concentración que tivo lugar na comarca da Mariña, convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña este domingo diante do centro de saúde de Viveiro para denunciar a falta de pediatras. O acto reivindicativo consistiu (como tamén ocorreu en Compostela e Sanxenxo) en que a veciñanza acudise ao centro de saúde acompañada dos seus fillos e cun boneco.

Mobilización na comarca da Mariña.

Aínda que desde a organización convocante explicaron que a situación afecta a practicamente todas as localidades, a realidade máis grave, segundo denuncian, está a vivirse estes días en Viveiro ante a falta de dous pediatras do centro de saúde. Tal como denunciou a Plataforma Sanitaria da Mariña, a primeira cita dispoñíbel para pediatría en Viveiro é para o 2 de decembro, un feito que está a derivar ás crianzas que necesitan atención por parte dun pediatra ao servizo de urxencias.

A coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, sinalou que a situación "é crítica e atópase promovida polo descoido continuado do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Xunta durante 13 anos ao non pór os medios para solucionalo de forma deliberada e formando parte dunha estratexia destrutora da sanidade pública dirixida á privatización da sanidade".

Defensa da atención infantil en Compostela

A defensa da atención infantil tamén se fixo ver na capital do país, onde tivo lugar unha concentración. O portavoz de SOS Sanidade Pública Compostela, Xosé María Dios, en declaracións a Nós Diario, explicou que a plataforma que lidera, en colaboración con Pediatras e Matronas Xa, "demandaron este domingo profesionais sanitarios, máis concretamente neste caso de pediatría".

Concentración en Compostela.

"Queremos desmentir a falacia da Xunta que di que son problemas puntuais", afirmou. Porén, sinalou, "en toda a Galiza tiveron lugar múltiples concentracións á porta dos centros de saúde". "Diríximonos aos centros de saúde, este domingo que estaban fechados, para evidenciar que a asistencia durante a semana practicamente é a mesma pola falta de profesionais".

Multitudinaria manifestación en Soutomaior

Entre berros de “Sanidade pública", “Rueda [presidente da Xunta] e Reguera [alcalde do PP en Soutomaior] á lista de espera", tivo lugar unha multitudinaria manifestación en Soutomaior, organizada polo BNG. A protesta ía dirixida polos recortes que está a sufrir o centro de saúde do municipio, que segundo denuncian os nacionalistas, débense a "unha aposta pola sanidade privada a través do desmantelamento da pública". Non hai médicos, denuncian, "pola precariedade que hai no sector".

Manifestación en Soutomaior.

O candidato nacionalista á Alcaldía e deputado no Parlamento, Manuel Lourenzo, afirmou que "o BNG vai defender a sanidade pública que merecemos, porque non imos parar até que se nos escoite na rúa, nas institucións e alá onde sexa necesario para que este centro de saúde no que hoxe nos convocamos deixe de ser un espazo de vergoña".

"É inaturábel e inasumíbel que calquera dos que aquí estamos, calquera das nosas crianzas e calquera dos nosos maiores pida unha cita a través da aplicación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que a única solución que se nos dea é que teñamos cita para dentro de 15 días", afirmou Lourenzo.