Milleiros de persoas claman en Compostela contra a desfeita eólica

Manifestación contra a desfeita eólica en Compostela. (Foto: Laura Barcala)
Despois do chamamento de 130 entidades, enchéronse as rúas de Compostela para reclamar un novo modelo eólico, pensado para a sociedade e non para os lobbies.

Milleiros de persoas de 130 colectivos e tamén a título individual, saíron ás 12 da mañá da Alameda de Compostela internándose en dirección á praza do Obradoiro para reclamar "Eólicos, así non", e pedir que se repense o modelo de aproveitamento do vento que quere chegar a 15.000 MW de potencia instalada na Galiza.

Isto suporía un incremento de 10.000 MW da capacidade de produción actual, coa que se exporta un de cada tres MW a pesar de que a Galiza sostén a factura de luz máis alta do Estado, sen ter en conta o incremento de até un 36% na factura eléctrica polas novas tarifas de discriminación horaria que o Estado fixo efectivas o 1 de xuño.
 

Ao final de marcha cara a praza do Obradoiro, coincidindo co día mundial do medio ambiente, varias das entidades que convocaron a mobilización leron de maneira conxunta o manifesto baixo o que se convocou a marcha. Nel, exíxese en primeiro termo a “moratoria das instalacións en tramitación”, tanto se son competencia da Xunta da Galiza como do Estado.

Nesta liña defenden a necesidade de desenvolver un novo “Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica”, que implique a “protección dos servizos ecosistémicos” que sosteñen a biodiversidade e a xeodiversidade.

Na práctica, apuntan que o que piden é que se leven a prácticas as leis medioambientais, derogando normas lesivas como a “Lei de depredación” e impulsando medidas pensadas para o beneficio da sociedade e non do lobby eólico, como exemplo indican que a lexislación actual permite muíños eólicos de 200 metros de alto a 500 metros do centro dunha vivenda, polo que inciden en cambiar as prioridades.

Ao tempo, salientan que non se pode permitir que “as grandes industrias contaminantes aproveiten a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde” a costa do territorio galego, a “transición ten que ser ordenada, xusta e ao servizo do país”.

Asemade, lembran que só o 11,55 da superficie galega está protexida, polo que solicitan que se cumpra co mandato da Unión Europea para ampliala, poñendo data de caducidade aos parques eólicos e outorgando ás persoas que posúan terras afectadas “capacidade de negociación coas promotoras dos parques”, eliminando o dereito da expropiación directa.