Manuel G. Moreira

“A Lei de saúde é unha bomba de reloxaría para a sanidade pública galega”

Falamos con Manuel González Moreira, médico e un dos portavoces de SOS Sanidade Pública, sobre a manifestación nacional que este 4 de febrero decorre en Compostela.

- Había tempo que non se convocaba una gran manifestación a nivel nacional. Si que as houbera comarcais, locais… Era hora xa dunha nova resposta a nivel galego ao que está a pasar na sanidade?

 

- Houbo mobilizacións e respostas nas diferentes áreas sanitarias perante feitos concretos da administración que afectaban esas áreas. Mais agora hai un feito novo, a proposta de modificación da Lei de Saúde, que obriga a dar unha resposta a nivel nacional porque vai máis alá das propias áreas afectadas coa súa supresión. Esta lei unha das cousas  graves que fai é modificar a distribución territorial do Sergas e remata con catro áreas sanitarias actuais.

 

“Cédese a empresas privadas a capacidade de decidir en cuestións sanitarias”

 

- Esa supresión non afecta só ás propias áreas atinxidas, ten efecto en todo o territorio…

 

- Nós defendemos que ten que haber máis áreas, non menos. As áreas sanitarias son a estrutura territorial cunhas características determinadas, tanto por criterios de poboación, vías de comunicación, acceso, recursos sanitarios. É dicir, é un entorno xeográfico que ten unhas características propias e desde aí é onde se teñen que reclamar os recursos necesarios para a poboación desa área. É o ámbito desde onde se planifican os recursos, onde se deciden as necesidades…

Entón, que estas desaparezan supón deixar unha parte do noso territorio, fundamentalmente o rural, sen esa capacidade de planificar os seus recursos, algo que vai pasar a facerse a outro nivel, por exemplo provincial. Así, supírimese a área da Mariña e pasa a ser xestionada a nivel provincial por Lugo. É un sen sentido centralizar todo en Lugo, pérdese proximidade nas tomas de decisión e tamén se centraliza.

 

- Que entendedes que pretende o goberno galego con esta Lei?

 

- Esta lei dá unha resposta errada a un problema que existe e vai recortar recursos dispoñíbeis. Estamos nunha situación evidente de falla de profesionais, motivada por unha mala planificación do persoal. Falta persoal médico mais tamén de enfermería,. Durante anos estívose maltratando o persoal da lista de contratacións e este foise marchando. E tamén en médicos de familia e pediatría estívose a formar menos médicos dos que se precisan. Agora a Xunta atopa que ten menos recursos e aposta en centralizalos entendendo que así vai xestionalos mellor, pero o que fai é privar de recursos á periferia.

A resposta acaída sería reforzar os hospitais comarcais, definir como áreas sanitarias aquelas zonas que teñen características para selo. E nós defendemos as actuais mais tamén que outras como Verín, Barbanza… terían que ser áreas sanitarias. E ademais planificar a formación dos profesionais.

 

“Estanse perdendo os valores da propia sanidade pública: equidade no acceso, a universalidade, o carácter redistributivo…”

 

- A Lei de Saúde contén varias “bombas de reloxaría”, non só o das áreas sanitarias…

 

- Cando nós criticamos a Lei de Saúde facemos unha emenda á totalidade da política sanitaria do PP. O que fai esta lei é consolidar normativamente toda esa política sanitaria. Esta lei non fala de saúde, para nada. Esta lei consolida un modelo centrado na asistencia sanitaria e é unha lei que vai supoñer máis cartos para as empresas privadas, algo que tamén procura a lei de garantías sanitarias que establece prazos máximos que, se non se cumpren, derívase o doente á privada e co gasto corremos todas e todos. Abrir esta porta cando ti estás desmontando recursos humanos e materiais, o que fas é garantirlle negocio á sanidade privada, facendo que cartos que tiñan que ir a potenciar esa resposta da sanidade pública van á privada. É unha lei que é unha bomba de reloxaría para a sanidade pública.

 

“Deixan que se debilite progresivamente a atención primaria, xa que aí non hai negocio”

 

- Este goberno presentou a colaboración público privada como unha receita de éxito para a sanidade galega. Cal entendedes que é o resultado desta fórmula?

 

- Supuxo unha descapitalización, dedícanse moitos cartos a financiar esa colaboración, a pagar a empresas privadas. Todo iso pago con diñeiro público. Ou sexa, descapitalizamos o sistema público e hipotecámolo para o seu futuro. E por outra banda cedemos a empresas privadas a capacidade de decidir en cuestións sanitarias. Así, a empresa concesionaria do novo Hospital de Vigo ao final fixo un hospital máis pequeno e con menos recursos do previsto. Fixo un hospital non de acordo ás necesidades da poboación senón dos intereses da concesionaria

 

- E como se pode reverter todo iso?

- Revertelo depende dunha decisión política

 

- Cal é o estado de saúde da sanidade galega?

 

- Estamos nun claro momento de risco. Estanse perdendo os valores da propia sanidade pública: a equidade no acceso á sanidade pública desaparece con esta reforma; a universalidade, rematouse con ela e parece que ninguén cuestiona que a sanidade pública ten que ser universal. Rematouse co carácter redistributivo que tiña, financiada con impostos… Atopamos que a máis prexudicada é a atención primaria, como aí non está o negocio deixan que se debilítase progresivamente. De feito, en todas as áreas sanitarias vemos como a perda de recursos en atención primaria xera listas de agarda, dificultades… E iso implica que se sobrecarguen os hospitais. Ademais, a atención primaria debería ter recursos para facer prevención da saúde e de enfermidades, aí é onde hai que facer o énfase, para non ter logo que tratalas. Pero, claro, aí non está o negocio, o negocio está en tratar enfermidades.