Os colectivos chaman a paralizar o plan eólico de Feixoo

Un milleiro de persoas rexeitan a política eólica da Xunta en Pontevedra

Asistentes á protesta contra a política eólica da Xunta da Galiza en Pontevedra. (Foto: Sara Montenegro).

Arredor dun milleiro de persoas procedentes das comarcas de Pontevedra, Terra de Montes e O Morrazo concentráronse hoxe diante da Delegación da Xunta da Galiza en Pontevedra para protestar contra o desenvolvemento eólico promovido polo Goberno galego.

 

A mobilización, convocada por entidades integradas na plataforma Eólicos Así Non, contou cunha participación procedente, na súa maior parte, daquelas localidades máis afectadas polas instalacións eólicas, destacando os catro autobuses fretados polo Concello de Ponte Caldelas.

Precisamente nesta localidade, preocupa o parque eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, onde se prevé levantar un complexo cunha potencia instalada de 30 megawatts e aeroxeradores de 200 metros de altitude, algúns dos cales localízanse a menos de 500 metros das vivendas

Terra de Montes

Félix González, membro da plataforma Eólicos Así Non de Cerdedo-Cotobade, expresa a Nós Diario a súa preocupación pola situación xerada por este complexo e lembra que no seu concello están previstos 14 proxectos eólicos diferentes.

González lamenta con “tristeza” a ausencia na protesta do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e valora “moi positivamente a mobilización de hoxe porque todos os proxectos fan parte do mesmo problema”.

Sara Montenegro, voceira do colectivo Eólicos no Morrazo Non e outras das persoas presentes na mobilización, apunta a Nós Diario que “nos constituímos como plataforma cando comezaron as primeiras conversas das empresas eólicas” e advirte “que enfrontan unha verdadeira avalancha eólica”.

O Morrazo

Montenegro, veciña de Ardán, en Marín, afirma que “a preocupación na comarca é palpábel”. “Á veciñanza preocúpalle a perda de valor da súas propiedades, derivada do cambio na cualificación do solo”, destaca Montenegro, quen pon tamén o foco no seu impacto sobre os servizos de auga porque “moitos núcleos do Morrazo non temos auga de traída municipal.

Os colectivos convocantes da mobilización aproveitaron a mobilización para instar á Xunta da Galiza a paralizar o plan  eólico e insisten en que é “máis necesaria que nunca, tras a recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que pon de manifesto irregularidades na tramitación de parques eólicos por parte da Xunta, contraria a dúas directivas europeas en materia de medio ambiente”.

A protesta contaron tamén, coa presenza de responsábeis institucionais das zonas afectadas, entre eles, varios alcaldes, como Miguel Anxo Fernández Lores de Pontevedra, Andrés Díaz de Ponte Caldelas e Luciano Sobral de Poio. O responsábel de Medio Ambiente do grupo parlamentario do BNG, Luís Bará sinalou a Nós Diario desde o acto que “hoxe estivemos nun dos quilómetros da depredación eólica patrocinada e promovida pola Xunta do PP”.

Bara significou a importancia da mobilización e referiuse á mensaxe da veciñanza que “estivo reclamando á Xunta eólicos así non” e reclamou “un novo plan eólico que responda aos intereses do país e respecte e que permita un desenvolvemento sustentábel”