Miles de persoas concéntranse en Marín en apoio ás familias das vítimas do 'Vila de Pitanxo'

Concentración en Marín en apoio ás familia das vítimas do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Álvaro Ballesteros).
As familias aseguran que "non van parar" até que se reanude a búsqueda e se atopen os corpos dos desaparecidos.

Miles de persoas reuníronse este domingo na Alameda de Marín para mostrar o seu apoio aos familiares da tripulación do 'Villa de  Pitanxo', o pesqueiro galego naufragado en Terranova (Canadá) a pasada terza feira. Na concentración as familias insistiron na súa petición de "renovar a búsqueda canto antes" e aseguraron que non van parar nin "esquecer" aos desparecidos.

A mobilización, convocada polos propios achegados, estaba prevista para as 13 horas, aínda que pasadas as 12 xa comezou a congregarse xente na praza. Entre eles, os alcaldes de Marín, Pontevedra, Bueu e Cangas; a conselleira  do Mar, Rosa Quintana; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy; e a dirixente popular e deputada no Congreso, Ana Pastor.

Pontón pediu que se atenda á petición das familias de seguir coa busca dos mariñeiros desaparecidos e que para iso implíquese tamén con medios o Goberno do Estado. Ademais, reiterou toda a colaboración do BNG nun dos momentos "máis difíciles da vida".

Tanto en declaracións aos medios como xa nunha intervención aberta a todo o público desde o palco da música de Marín, os familiares, encabezados por María José De Pazo, filla do desaparecido xefe de máquinas do buque, insistiron en "renovar a búsqueda canto antes", sinalando que os pesqueiros que se atopan na zona aseguraron que "a meteoroloxía xa o permite".

A eles dirixíronse para agradecerlles o seu esforzo. "Están a xogarse a vida sen recibir nada a cambio", comentou  Cristofer, fillo dun dos desaparecidos, que asegurou ademais que os propios mariñeiros que continúan faenando en Terranova pídenlles que "continúen loitando". "Saben que hoxe somos nós, pero que mañá poden ser eles aos que se esqueza", insiste.

"Sabemos que non están vivos pero queremos recuperar os seus corpos. Ninguén vai recriminar que non aparezan, pero si o sentirnos abandonados, o que non se mova nada", explicou María José.

Especialmente críticos foron co Goberno central, ao que lle afearon a falta de información. "Deberiamos ser os primeiros en decatarnos das cousas e sempre somos os últimos", lamentou Cristofer entre aplausos do público. "Pídennos que non fagamos casos do medios pero decatámonos por eles", insiste.

Pero sen dúbida, a principal crítica e reivindicación por parte das familias é a falta de recursos propios do Estado para continuar co dispositivo de recuperación dos desaparecidos; medios que, destacan, si se destinan para outras catástrofes ou para prestar axuda en conflitos. "Non estamos a pedir unha axuda, estamos a pedir un dereito", aseguraron respecto a a recuperación dos corpos dos desaparecidos.

É por este motivo que esta segunda feira volverán, ás 11 horas, á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e polo que pediron audiencia co presidente Pedro Sánchez e coa vicepresidenta e ministra de traballo, a galega Yolanda Díaz.

De feito, tras anunciar o Executivo central que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recibirá aos sobreviventes e aos falecidos na base aérea de Santiago de Compostela, onde se espera que aterren este luns, os familiares dos 12 desaparecidos solicitaron que as reciba "cinco minutos". Matizan ademais que, se non se lles recibe, acudirán de todos os modos.

Así, os achegados dos aínda desaparecidos móstranse dispostos a continuar a loita. Cristofer aseveraba que "isto se vai a esquecer unha vez que cheguen os corpos e os sobreviventes". "Imos seguir facendo ruído porque queremos respostas, non imos calarnos", afirmou.

"Estou moi decepcionada co meu Goberno", recoñeceu Loli, tía de Ricardo Alfonso Cruz Flores, engraxador no Pitanxo e único sobrevivente do naufraxio do Arousa hai xa 20 anos. "Dáme moita tristeza que o meu Goberno, España, non faga máis. É coma se non contásemos nada e o somos todo", declarou.

A loita continúa

Explican que saben que as posibilidades de atopar os corpos son "poucas, pero son nulas se non se vai" e por iso piden "buscar un pouco máis". Apelaron ademais á Armadora, á empresa  Nores, á que pediron "colaboración".

O párroco evanxelista Julio Torres, con relación cun dos sobreviventes, Samuel, preguntouse o motivo de que non comezase aínda a procura. "Igual é porque xa decidiran non buscar. Non é un problema de diñeiro, así que non quero pensar que sexa un problema de humanidade", censurou.

Ademais dos achegados dos desaparecidos, á manifestación tamén acudiron familiares dos falecidos identificados, como o fillo de Miguel Lumes que, acompañado por un psicólogo da Cruz Vermella, destacou que "a loita debe continuar polos compañeiros desaparecidos", "á beira dos que estará sempre".

A súa intervención foi unha das máis aplaudidas por un público que en moitas ocasións interrompeu con aplausos aos familiares que tomaban a palabra. O acto concluíu cun minuto de silencio e a lectura, tamén entre aplausos, por parte dunha emocionada Lucía De Pazo --filla do xefe de máquinas e irmá de María José-- das dúas listas nas que se dividiu a tripulación falecida do 'Villa de  Pitanxo', identificados e desaparecidos. Asistencia Consular.