Miles expresan a indignación do pobo galego perante a sentenza do Prestige

Ferrol [Imaxe: Iago Varela]

Prazas ateigadas levan de novo o berro de Nunca Máis á rúa e claman contra a "incompetencia" dun proceso xudicial que deixa sen responsábeis políticos a catástrofe do Prestige. 

 

Quen poida botar a ollada atrás lembrará as multitudinarias manifestacións que encheron as rúas da Galiza naqueles últimos meses de 2002. Após fender en dúas metades o Prestige e dar comezo a maior catástrofe ecolóxica dos últimos tempos unha maré de dignidade percorreu a nosa terra. Daquel tempo semellaba ficar ben pouco após máis dunha década. Porén, esta sexta feira as verbas daquela canción de Luar na lubre fixéronse certas e a letra da peza que rematou por se tornar en himno lembraron ao pobo galego que na súa memoria non hai volta atrás

Milleiros de persoas asolagaron prazas e rúas; vilas e cidades galegas convocadas pola Plataforma Nunca Máis. Desempoaron as vellas bandeiras ennegrecidas polo chapapote e mesmo tiraron dos armarios os buzos brancos que naquel outono de hai dez anos enchían de brancura as praias galegas para amosar á xustiza española e aos gobernos da Xunta e Madrid o seu rexeitamento á "impunidade" da sentenza xudicial pola catástrofe do Prestige pois, "a sentenza non absolve a realidade" afirmou taxativamente Xurxo Souto desde a concentración da Coruña. 

Nunca Máis volverá encher as rúas de dignidade

"Se grande foi hai 11 anos a nosa indignación diante da xestión política moito máis grande é aínda agora a nosa carraxe perante unha sentenza que deixa impunes aos responsábeis políticos do maior delito ecolóxico dos últimos tempos". Así reza o manifesto ao que a Plataforma Nunca Máis deu leitura simultánea nas perto de vinte concentracións convocadas ao longo e ancho do país. Este movemento popular que, lembraron, "é a reacción natural dunha sociedade que se auto-organiza fronte aos gobernos que nos desgobernan" volverá "ás rúas e ás prazas, ao país de Nunca Máis" para condenar, "non por vinganza, senón por xustiza", aos responsábeis da traxedia. 

Nunca Máis anunciou que volverá a se mobilizar "fart@s de mareas negras, de gobernos que gobernan en negro, de sentenzas onde nunca brilla a brancura da xustiza, de autoridades e institucións que desprezan a nosa intelixencia, a nosa dignidade". Así, aseguran no manifesto publicado, combaterán "os que non aman nen queren unha patria libre" como exemplo "único" de xustiza "no medio de tanta inxustiza". 

Face o fallo xudicial feito público, desde Nunca Máis denuncian que Galiza "continúa á deriva, sen institucións que a defendan" e exixe "outra xustiza, en chave de país" e non "ao servizo dos poderosos, como nos tempos de Rosalía", continúa o texto. 

Sen espazo para se remexer entre a multitude que respondeu o chamamento da Plataforma só os berros de "Impunidade, Nunca Máis" racharon co silencio dun pobo "sen máis goberno de seu que a propia sociedade galega", un pobo que enviou unha mensaxe clara á xustiza e ao poder político: "Estamos fartas de mareas negras, non á impunidade".