Nunca Máis tilda Feijóo de ''hipócrita'' porque foi o Estado quen rexeitou imputar a clasificadora ABS

[Imaxe: M.Montero]

A empresa estadounidense inspeccionou o Prestige até sete veces antes do naufraxio e determinou que estaba en condicións de navegar. O Estado evitou que sentase no banco d@s acusad@s e agora a Audiencia Provincial da Coruña apunta cara a ela como responsábel. Aliás, o presidente da Xunta tamén a colocou no albo das súas queixas e dixo que o petroleiro era "unha chatarra flotante".


De "hipócrita" tildou Nunca Máis o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, após informar de que "estuda recorrer" a sentenza do Prestige. Lembra a plataforma que foi xustamente o avogado do Estado quen impediu sentar a clasificadora estadounidense ABS no banco d@s acusad@s, malia ser responsábel de que o petroleiro continuara a navegar. Revisárono até sete veces antes do naufraxio e emitiron o correspondente certificado de aptitude. 

"Nós fomos os únicos que intentamos imputar ABS" cando o avogado do Estado lle retirou os cargos "e non o conseguimos", explicou en rolda de imprensa o voceiro de Nunca Máis, Xaquín Rubido. "Vir agora erixirse en defensor dos intereses galegos porque vai reclamar o diñeiro é unha hipocrisía", espetou, a respeito da posibilidade de que a Xunta apele a decisión xudicial. 

Feijóo cualificou o Prestige de "chatarra flotante". Aliás, a propia sentenza apunta directamente cara á clasificadora como responsábel da catástrofe ao lle permitir a navegación a un buque "con deficiencias" e sinala que existen "indicios" de que as inspeccións previas aos certificados de navegación "non foron eficaces". Ao fío, achaca o fallo que se produciu na zona dos tanques e que foi identificado como a causa máis probábel da avaría do buque a "deficiencias de mantemento e control". Porén, o Estado impediu que ABS aparecera entre @s imputad@s.

O recurso perante o Supremo, aínda sen decidir

A respeito do recurso de casación perante o Tribunal Supremo que podería presentar Nunca Máis, Xaquín Rubido confirmou que son 15 os días de que dispoñen para apelar e que aínda non se tomou ningunha decisión en firme. A Comisión Xestora da plataforma reunirase máis unha vez a semana que vén, xa que para recurrir cómpre procurar argumentos en máis de 200 horas de gravacións e milleiros de folios de documentación. 

Polo de agora, o colectivo cidadán chama ás rúas "masivamente" esta sexta feira día 15, en que hai convocadas concentracións en dezasete localidades galegas, en Madrid e en Londres en repulsa por unha decisión xudicial que deixa sen castigo o maior desastre ecolóxico da historia da Galiza e tamén do Estado español. "Parécenos que hai unha indignación profunda na sociedade galega" e a esa indignación apelou Rubido para pedir que a sentenza "non se acate" porque é "un mazazo" que deixa Galiza "indefensa". 

A este respeito, o voceiro de Nunca Máis dixo que a mensaxe que transcende desa resolución xudicial é "un anuncio público de que calquera petroleiro que queira ter un accidente pode vir aquí" e enfatizou que "os únicos que pagamos somos os de abaixo, os que fomos limpar e os que vivimos dos sectores produtivos afectados; aos de arriba dálles igual". 

As concentracións convocadas, todas esta sexta feira día 15 ás 20h agás que se sinale outro horario, son as que seguen: A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Monforte (ás 21h), Ourense, Pontevedra, Lalín, Ribadavia, Marín, Vigo, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Foz, Ribeira, Cee, O Grove, Madrid (ás 20.30h) e Londres.