Máis de 1.000 raios caeron na Galiza nunha noite de treboada con ventos de até 100 quilómetros por hora

A treboada marcou as últimas horas no país. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O 112 recibiu 63 alertas por diferentes incidencias vencelladas ás adversas condicións climatolóxicas.

A Galiza viviu unha noite marcada polos efectos dunha borrasca que xa se deixou notar durante a tarde da terza feira, pero que bateu con forza no país entrada a madrugada desta cuarta, cando se rexistraron máis de mil raios, fortes precipitacións, saraiba e ventos de máis 100 quilómetros por hora. En consecuencia, entre a medianoite e as 8 horas, a central do 112 recibiu un total de 63 avisos por incidencias, malia que ningunha delas era de gravidade.

A maioría, até 32, foron alertas por caída de árbores e pólas en estradas, con especial incidencia nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde 28 das 53 incidencias xestionadas polo 112 durante a madrugada estiveron asociadas con obstáculos nas vías de comunicación.

Pola súa parte, en Ourense houbo seis incidentes, dos cales catro foron por caídas de árbores, protagonistas de tres das catro alertas xestionadas pola central de emerxencias na provincia de Lugo.

Todo iso nunha madrugada de tormentas na que, entre as 00 e as 9.30 horas, caeron na Galiza un total de 1.159 raios, concentrados na metade oeste do país e que se deixaron notar especialmente entre as 4 e as 6 horas.

Así o rexistran os medidores de Meteogalicia, que sitúan Santa Comba como o punto máis húmido das últimas horas ao recoller 66,8 litros por metro cadrado, 13 máis que o seguinte na lista, Entrimo (53,9 l/m2), e case o dobre que en Zas (39,8 l/m2).

Aliás, os ventos superaron os 100 kilómetors por hora en varios puntos da Galiza. O valor máximo rexistrouse en Lardeira (Carballeda de Valdeorras), ás 5.30 horas da madrugada, con 128 quilómetros por hora.

Nas estacións de Meteogalicia situadas por baixo dos 900 metros de altitude, pasáronse os 100 quilómetros hora en Oia, con 106,5; Viveiro, con 106,4, e Vimianzo, con 102,3 km/h.