Cinco mil cartaces para sensibilizar sobre a diversidade sexual

[Imaxe Xunta de Galiza]

A Xunta de Galiza presenta 'Eu respecto' unha campaña que os colectivos LGTBi critican por non contar con eles.

A Consellaría de Educación, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Vice-presidencia do goberno presentaron 'Eu respecto' unha campaña de sensibilización "para igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais)" dirixida aos centros de ensino que estará conformada por "máis de cinco mil cartaces", segundo explicou a Xunta. 

A Xunta avanza a creación dun protocolo, dunha materia de libre configuración e a posibilidade dun ciclo formativo

A presentación serviu ao executivo para se tirar unha fotografía rodeado de crianzas do Instituto de Educación Secundaria Antonio Fraguas de Compostela. Porén, non vai para alén diso. Os cartaces, que apenas se diferencian de calquera outro asunto polas cores da bandeira do orgullo e o título da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación, serán repartidos en escolas, colexios e institutos. 

"O Goberno galego pretende, a través desta campaña, concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, especialmente aos rapaces e rapazas, en conceptos como a igualdade, a dignidade, a pluralidade, a diferenza e o respecto á diversidade sexual. No marco desta iniciativa, distribuiranse 5.000 carteis nos centros educativos galegos", explican, mais polos materiais didácticos haberá que agardar. 

"Necesítanse medidas serias e efectivas que traballen na sensibilización e educación"

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, avanzou que se está a deseñar "unha nova materia de libre configuración" sobre igualdade e non discrminación LGTBifóbica. Aliás, dixo que están a traballar "nun protocolo que permitirá dar unha resposta acaída na garantía do dereito á identidade de xénero" e na "posibilidade de implantar un novo ciclo formativo relacionado con este ámbito". 

Asemade, tamén asegurou que "o Goberno galego está a elaborar un Plan de educación en Igualdade, que favorecerá a adquisición de valores e de boas condutas desde a escola, tendo en conta que os nenos e nenas de hoxe son o piar da sociedade de mañá", mais do que, até o momento non se sabe nada. 

Insuficiente

Desde os colectivos LGTBi amosáronse críticos através das redes sociais após coñecerse o lanzamento da campaña por "non contar" con eles para o deseño da mesma. 

"Consideramos insuficiente e pouco serio que se traballe neste eido cunha pequena campaña de 5000 cartaces"

Ultreia LGTBi ou a Asociación NósMesmas sinalan que a Xunta "ignora" os colectivos na presentación e poñen en dúbida os "resultados" que poida recompilar. 

Pola súa banda, desde a Asociación de familias de crianzas transexuais, Arelas, sinalaron que "vemos positivo que despois de vairas reunións ca Consellería de Educación onde se demandaba a visibilidade da diversidade de xénero nas escolas, se comecen a dar pasos, ainda que consideramos insuficiente e pouco serio que se traballe neste eido cunha pequena campaña de 5000 cartaces". 

Neste senso, lembran que Arelas demanda "a inclusión da diversidade de identidades no currículo educativo e a necesidade da formación neste ámbito de toda a comunidade educativa". "Necesítanse medidas serias e efectivas que traballen na sensibilización e educación no respeto a diversidade para previr e evitar o bulling e transfobia que se da nos centros educativos galegos", acrecentan, e instan a contar cos colectivos " para calquera accion ou campaña".