Bidueiras, carballos, freixos: Mil árbores autóctonas medrarán nunha área de Froxán deseucaliptizada por brigadistas

Persoas voluntarias plantarán nunha roga centos de bidueiros, carballos, freixos e erbedeiros nunha zona do monte veciñal que estaba colonizada polo eucalipto.

Onde antes había eucaliptos agora vai haber freixos, carballos, ameneiros ou erbedeiros entre outras árbores autóctonas galegas. É o resultado da actuación e do compromiso das Brigadas Deseucaliptizadoras no monte veciñal en man común de Froxán (Lousame), primeiro a ser recoñecido polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA).

 

“Iremos plantar esas mil árbores precisamente nas zonas deseucaliptizadas durante os últimos meses polas Brigadas Deseucaliptizadoras, pechando o ciclo de restauración iniciado co empeño de todas as brigadistas”, indican desde o portal do colectivo. Unha acción que se vai desenvolver o vindeiro 2 de febreiro.

 

As brigadas naceron en abril do ano pasado. En apenas oito meses lograron fechar o ano con máis de 500 de hectáreas inscritas e 350 brigadistas participantes.

 

As ‘Brigadas deseucaliptizadoras’ defínense como unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza. A primeira destas brigadas, a da comarca do Barbanza, lanzouse públicamente o 21 de abril. Joam Evans, da comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto que aposta na implicación social para pular pola recuperación da biodiversidade dos montes do país sinalaba naquela: "Hai un movemento social que está disposto a implicarse para transformar o monte galego".