O buque oceanográfico Ángeles Alvariño percorre o litoral galego á procura de microplásticos cun innovador método

Os microplásticos causan a morte duns 100.000 mamíferos mariños cada ano. (Foto: IEO)
O dispositivo 'ferrybox' podería ser empregado en barcos dedicados a fins non científicos para recoller microplásticos.

O Instituto Español de Oceanografía (IEO), xunto a científicos da Universidade Técnica de Tallín (Estonia), probará diferentes metodoloxías de mostraxe de microplásticos en augas da costa galega. Este sábado deu comezo a campaña 'Andro23' a bordo do buque oceanográfico Ángeles Alvariño, que se estenderá até o vindeiro domingo, día 26.

Na primeira parte desta iniciativa probaranse e compararanse diversas metodoloxías para a recollida destes contaminantes, tanto en auga con en aire, co obxectivo de desenvolver alternativas de baixo custo para o estudo dos microplásticos, aqueles que miden menos de 5 milímetros.

"As técnicas actualmente empregadas requiren equipos de difícil manexo e persoal cualificado, polo que os científicos traballan na procura de alternativas, como o sistema que propoñen neste proxecto: un dispositivo denominado ferrybox que podería ser empregado en barcos dedicados a fins non científicos, o cal require un test e comparación previa", precisa o IEO nun comunicado.

Durante a segunda parte da campaña realizarase unha mostraxe de auga e sedimentos na contorna do punto do derrube do vertedoiro de Bens (A Coruña), no ano 1996, o que permitirá ao persoal científico avaliar o impacto da contaminación por plásticos e microplásticos a longo prazo tomando este caso concreto.

'Andro23' forma parte do proxecto 'Andromeda', que se engloba no programa internacional JPI Oceans, do que participan 15 grupos de investigación de Europa e Canadá e que está centrado nos retos actuais da caracterización e cuantificación de micro e nanoplásticos no medio mariño. A participación do IEO neste proxecto está liderada polo investigador Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo.

Os microplásticos afectan a día de hoxe uns 700 organismos mariños diferentes e son a causa, segundo datos de Greenpeace, da morte duns 100.000 exemplares de mamíferos mariños cada ano por mor da inxesta, asfixia ou enredo. Moitos animais confunden estes microplásticos coas súas presas.

Unha bolsa de plástico pode tardar 50 anos en se descompor completamente; unha botella do mesmo material, perto de 500, e un fío de pesca, até seis séculos.