Meteogaliza considera "anómalo" 2022 polas altas temperaturas

Dúas persoas camiñan por una vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Altas temperaturas e moitos meses sen chover deixaron unha situación "anómala" na Galiza o ano pasado, en opinión da Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica da Consellaría de Medio Ambiente. Un exemplo foron os datos facilitados esta terza feira pola USC que sinalan que Compostela chegou aos 39,2 ºC en xullo de 2022.

As altas temperaturas e a falta de choivas durante moitos meses de 2022 explican a situación de seca que se viviu o ano pasado no país e o aumento do risco de incendios máis perigosos. Cando aínda Meteogaliza non fixo público o informe anual dese período, o coordinador do seu departamento de predición, Juan Taboada, salienta en declaracións a Nós Diario que “só tivemos dous meses, marzo e xuño, que poderían considerarse normais e o resto foron cálidos ou mesmo extremadamente cálidos”.

Como consecuencia desta circunstancia, constata que “a anomalía de temperatura en relación ás estacións do ano é bastante forte e evidente”.

As “anomalías” nas temperaturas foron de +1,15ºC no inverno (contando co mes de decembro de 2021), de +0,82ºC na primavera, de +1,55ºC no verán e de +1,4ºC no outono. Lembrando o obxectivo do Acordo de París de limitar o quecemento mundial por baixo de 2ºC, preferibelmente a 1,5ºC, apunta que “pasar de 1,5ºC sostido ao longo dun ano é moito e déixanos un período desordenado no meteorolóxico”.

Outra das características climatolóxicas de 2022 para Taboada é a “irregularidade das precipitacións”, unha situación que xa se deu en 2021 e que forma parte, segundo o meteorólogo, “do contexto de cambio climático” que vivimos.

“O ano pasado foi un bo exemplo do que pode acontecer nesta nova normalidade”, sinala, “cunha forte seca desde xullo até mediados de outubro”, engade. Os datos finais, cando se contabilice decembro poderán “non estar afastados no acumulado dun ano normal, mais con esa grande variabilidade de contar con que a maior parte das choivas tiveron lugar en dous meses”.

Tempo “de extremos”

A frecuencia das ondas de calor do verán tamén marcaron a diferenza con respecto a outros anos. “Deixou unha situación moi comprometida en relación aos lumes forestais”, apunta, “coa aparición de tormentas secas, algo pouco habitual na Galiza”, engade. Taboada resumiría o período que rematou como “de extremos” coa tendencia de aumento das temperaturas “que case cada mes superaría a media climática”. 

De cara a 2023, coa precaución, segundo Taboada, de que “os prognósticos na Galiza teñen unha fiabilidade relativamente baixa”, a serie estatística alerta de que “as temperaturas tenden a aumentar e as choivas a ser máis irregulares”. 

Sobre este tema, un recente estudo elaborado pola USC e a UVigo apunta a que as ondas de calor na Península Ibérica e Balears entre 1950 e 2020 aumentaron un 4% a súa extensión media por década, así como a súa intensidade. Como consecuencia disto, aseguran neste traballo, provócase "unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e diversas implicacións no risco de incendios".

Compostela con 39,3º 

O resumo meteorolóxico correspondente a 2022 elaborado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), podería servir de exemplo destes contrastes “extremos”.

Após un verán seco e con temperaturas que chegaron a ter o seu teito na capital galega nos 39,2ºC (14 de xullo), nos últimos tres meses rexistráronse precipitacións de 1.026 l/m², as cales unidas aos 175 l/m² de setembro completaron un total de precipitación en 2022, en Compostela, de 1.726,7 l/m².