Cinco meses agardando por un tratamento de rehabilitación na Mariña pese a recibir opiáceos pola dor "insufríbel"

Hospital Público da Mariña. (Foto: Xunta da Galiza)
O paciente denuncia que as hernias cervicais con afectación neurolóxica que padece provócanlle dores continuas que nin sequera os opiáceos lle solventan. Asemade, esa afectación cáusalle un trastorno psicolóxico polo feito de vivir con esa dor durante tanto tempo.

Un paciente, natural da Mariña, vén de denunciar que leva cinco meses a agardar por un tratamento de rehabilitación para as costas, pese a que está a recibir opiáceos pola dor "insufríbel" e "incapacitante" que sente desde hai meses.

Segundo explica, todo comezou en novembro de 2021, cando o seu traumatólogo solicitou cita coa médica rehabilitadora, para que esta valorase o comezo dun tratamento. A cita foi rexistrada e o paciente garda consigo unha copia da folla de interconsulta.

Após dous meses sen recibir chamada para concretar a cita, o doente chamou para preguntar se houbera algún problema, e contestáronlle que "non estaba incluído en lista de agarda porque non se entregara a folla para rexistro", a pesar de que el mesmo conserva esa copia.

Nesta situación, volveu falar con traumatoloxía para que lle emitisen un novo volante, mais para a súa sorpresa, non llo emitiron coa anterior data, senón coa nova, perdendo así eses dous meses de antigüidade que lle pertencían.

Non acepta a tramitación

O doente prosegue co seu relato e explica que non acepta a tramitación dese novo volante porque, se ben acepta que se puidese producir un erro administrativo coa primeira solicitude, non entendeu por que coas probas achegadas non se solventou ese erro "en favor do usuario".

O paciente denuncia que as hernias cervicais con afectación neurolóxica que padece provócanlle dores continuas que nin sequera os opiáceos lle solventan. Asemade, esa afectación cáusalle un trastorno psicolóxico polo feito de vivir con esa dor durante tanto tempo.

En febreiro de 2022, contactou coa Plataforma Sanitaria da Mariña para tramitar unha reclamación, que entrou en rexistro o 2 de febreiro, segundo explica a propia plataforma, que critica que desde ese momento o doente segue a agardar a que o chamen.

Neste sentido, o colectivo sanitario exixe que se solvente o erro da administración de modo favorábel para o paciente e se proceda a darlle a cita de valoración coa médica rehabilitadora coa "maior brevidade posíbel".