Mesas de diálogo e música para conmemorar un novo 8 de Marzo

A deputada María Muíño. (Foto: Nós Diario)
'É por ser muller', o lema da Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña puxo onte en marcha a campaña 'É por ser muller', co obxectivo de "denunciar, reflexionar e crear espazos de debate e diálogo" perante a discriminación e as fendas de desigualdade pola condición de xénero

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona  a deputada María Muíño, sinalou onte que as mulleres estanse a facer cargo de traballos "precarizados ou non remunerados" que sosteñen a vida diaria da sociedade ("o traballo doméstico mais tamén outros servizos públicos como a saúde e a a educación") e constitúen "unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero". 

A campaña da Deputación da Coruña comezará a próxima cuarta feira 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, nun acto institucional que decorrerá na sede da institución e no que actuará o grupo Fillas de Casandra.

A programación continuará durante os meses de marzo e abril con mesas de diálogo e espectáculos musicais na cidade herculina, Cambre (comarca da Coruña), Betanzos (As Mariñas), Ordes, Arzúa, Oroso (Ordes), Carballo (Bergantiños), Cabanas (Eume) e Zas (Terra de Soneira). 

'A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos'

As sedes provinciais da Deputación de Pontevedra visten desde onte nas súas fachadas o lema da campaña da institución para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Traballadoras

A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosqueira e deputadas e deputados provinciais despregaron onte desde a varanda da fachada do Pazo Provincial a lona co lema da campaña: 'A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos'. O acto marcou o arranque da programación coa que a Deputación "seguirá a defender a igualdade e loitar polos dereitos das mulleres".