A Mesa pide un "respecto real" de todas as linguas

Marcos Maceira, presidente da Mesa, na rolda de prensa. (Foto: A Mesa)

As entidades defensoras da diversidade lingüística de todo o Estado sinalan que, malia ser positiva a aprobación parcial da proposición non de lei, aínda queda moito por facer e seguirán levando a cabo medidas de presión para mudar a política lingüística.

A Mesa pola Normalización Lingüística valorou de modo positivo a aprobación parcial da proposición non de lei (PNL) no Congreso dos Deputados o pasado mes de marzo sobre a realidade plurilingüe e igualdade lingüística, mais sinala que “quedan moitas ventás por abrir”. 

Na rolda de prensa realizada esta quinta feira, 8 de abril, xunto coas outras entidades que impulsaron a proposta, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, defendeu a necesidade de que todos os poderes do Estado “se comprometan co respecto real das linguas propias da súa cidadanía”, sinala en conversa con Nós Diario

Isto fai referencia ao punto 8 da proposta –aprobado con votos a favor de todos os partidos políticos agás Vox–, onde se estabelece o “respecto real baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento das linguas”. Actualmente "a Constitución só indica o deber de coñecemento do castelán", puntualiza Maceira. Os outros dous puntos aprobados da emenda recoñecen a necesidade de oficializar linguas como o galego en territorios pertencentes a Asturies e Castela-León e acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués, así como a reciprocidade na recepción de radio e televisión nos territorios que forman parte do mesmo sistema lingüístico.

Maceira salientou que “o cumprimento do punto 8 só é posíbel eliminando as limitacións ao uso das linguas propias de cada territorio na lexislación e aplicándoo transversalmente a toda a normativa que se aprobe desde agora”. Por iso, destaca que se debe  “iniciar accións encamiñadas a garantir o dereito práctico e real da cidadanía ao uso da lingua propia do seu territorio en todo momento e para calquera acto, xa sexa en ámbitos como a administración, a xustiza, a educación ou os medios de comunicación”. 

Reunión co ministro de Política Territorial

Xunto coa Mesa, as entidades socias –Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Catalunya), Escola Valenciana e Acción Cultural do País Valenciá (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturies)– pactaron que “cada unha active as súas propias dinámicas que permitan aplicar nos diferentes territorios os puntos aprobados na emenda” e interpelarán o Goberno estatal para que cumpran co prometido. 

Como medida de presión para reformar a política lingüística, as entidades pediron unha reunión co Ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, entre cuxas competencias está o Oficina de Linguas Oficiais. "Este é un paso que damos as entidades despois de que o Consello de Europa reprendera o Estado español por non cumprir coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas", apunta Maceira. Os expertos europeos facían público o pasado día 1 de abril un informe onde sinalaba que tanto o Estado como a Xunta non estaban a cumprir cos compromisos estabelecidos na carta europea.