O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí volta a Silleda en abril

Imaxe dunha concentración de solidariedade co pobo saharauí.

A partir deste domingo 8e abril volta a Silleda o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí. Cinco citas culturais repartidas ao longo de catro fins de semana. Teatro, música, humor e unha andaina solidaria compoñen a programación desta sexta edición, cuxa recadación será destinada ao programa de familias acolledoras galegas Vacaciones en Paz.

O certame organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) volver poñer o foco de atención na situación de urxencia que vive a poboación do Sáhara Occidental, cunha parte do territorio baixo ocupación marroquina e sen recoñecemento por parte da ONU. Todo o recadado será destinado ao programa de acollida de nenas e nenas saharauís que, durante o verán, permite gozar a estes pequenos dunhas vacacións lonxe dos Campamentos de Refuxiados.

 

A primeira cita terá lugar este domingo 8 de abril ás 18:30 horas no auditorio Manuel Dopazo coa obra “Non máis muros”, protagonizada polas nenas e nenos do grupo Máis aló do Ulla, que presentarán esta orixinal proposta coa educación como protagonista. A entrada terá un custo de recadación de 3 euros.

 

O domingo 22 de abril chega “Mofa e Befa: Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira”, a exitosa e filosófica obra de Producións Excéntricas executada por Victor Mosqueira e Josito Porto. A entrada para este espectáculo custa 5 euros.

 

A música tamén terá o seu oco nesta sexta edición. Será o 29 de abril coa 25 edición do Festival de Bandas de Música de Silleda. Vai ter lugar no auditorio da Semana Verde, ás 17:30 horas . Durante a cita, vaise proxectar un vídeo sobre a situación dos campamentos de refuxiados.

 

A sexta feria día 4 de maio o actor e humorista Marcos Pereira presentará o seu monólogo “Armarios Empotrados”. Cun donativo de 5 euros, a cita terá lugar ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Silleda.

 

O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí rematará coa xa típica andaina solidaria, desta vez pola contorna da vila de Silleda. Será o domingo 20 de maio ás 09:30 e partirá da Casa da Cultura, cunha recadación solidaria de 5 euros.