Os eólicos de Amil poñen en risco perto de 50 petróglifos e pedras históricas en Moraña

Desde a Plataforma Amil sen Eólicos acharon durante os últimos meses múltiples exemplos de patrimonio en perigo polas obras. (Foto: Amil sen Eólicos)
Entre os achados en perigo atópanse múltiples tetrasqueis.

Acibal, Anduriña e Zudreiro, eses son os nomes dos tres polígonos eólicos que promotoras enerxéticas teñen previsto instalar no concello de Moraña, máis concretamente na aldea de Amil. Nós Diario informaba a comezos do mes de abril de que o primeiro deles, Acibal, xa estaba en construción e tiña prevista a colocación de até catro aeroxeradores que ameazan arte rupestre, nomeadamente petróglifos. Desde a plataforma Amil sen Eólicos descubriron múltiples exemplos de arte rupestre, mais tamén en posteriores camiñadas polo monte chegaron a descubrir ducias de novos casos de patrimonio en perigo que se suman aos atopados con anterioridade como tetrasqueis e pedras singulares, chegando a rexistrar até perto de 50 exemplos.

En declaracións a Nós Diario, Patricia Gamallo, integrante de Amil sen Eólicos, manifesta sobre estes achados que "subimos moitas veces ao monte e encontramos múltiples exemplos de patrimonio e pedras moi interesantes", con todo, asegura que o problema co que se encontran na actualidade é que "non hai resposta por parte das autoridades, nin do Concello de Moraña nin de Patrimonio da Xunta da Galiza". Para alén diso, Gamallo indica que "veu o Seprona [Servizo de Protección da Natureza] para balizar os achados que se fixeron e dixéronnos que as obras estaban paradas, algo que consideramos falso porque encontramos pedras ás que se lles pasou por encima con máquinas".

Desde a plataforma Amil sen Eólicos aseguran que "varios dos elementos con que nos atopamos están no medio dos movementos de terras xa realizados e seguen enteiros só de casualidade, algúns incluso volteados ao lado do camiño, ou con marcas de escavadoras". 

"Continuaremos a intentar por todos os medios á nosa disposición que se deteñan as obras por completo, solicitarémosllo a Industria e a quen faga falta", acrecenta Gamallo. "O que se está facendo cos petróglifos é unha vergoña, non teñen ningún tipo de reparo", engade. "Os petróglifos son unha mostra do patrimonio cultural e arqueolóxico da zona. A súa a destrución é unha perda irreparábel para a historia e a cultura da zona", asegura Gamallo.

A veciñanza e a plataforma seguen exixindo "ao Concello, Patrimonio e ás autoridades pertinentes" que se paralicen as obras até que se realice unha prospección en condicións da zona. Advirten que, de seguir así, "non quedará patrimonio algún que salvar ao longo das próximas semanas".

Incumprimento de distancia coas balizas

Nos últimos días, os membros de Amil sen Eólicos detectaron un novo petróglifo en moi malas condicións por mor de que lle pasaron máquinas por encima. Ademais, este novo achado encóntrase a "escasos cinco metros" doutro que xa estaba balizado, algo que indica que  non se está facendo o traballo correctamente por parte das autoridades competentes xa que se debe respectar unha distancia mínima cos achados que xa están balizados.

"Están a mentirnos", asegura Patricia Gamallo, que ademais  aproveita para sinalar que xa presentaron unha demanda ante a Fiscalía por estes feitos.

Pedras históricas apartadas con escavadoras

O maltrato de patrimonio por parte das promotoras eólicas que están a instalar o parque eólico Acibal non se limita só a petróglifos, denuncia Amil sen Eólicos. Segundo indican, hai exemplos (como o da imaxe) de pedras con 'coviñas' apartadas do seu lugar orixinal pola forza. As coviñas son pequenos ocos artificiais escavados 
na superficie de rochas, trátase dun dos motivos rupestres máis comúns.