Menús escolares baixo sospeita

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nunha escola infantil.

No prazo de tres semanas arredor dun cento de alumnos e alumnas da Rede de Escolas Infantís da Galiza A Galiña Azul sufriron reaccións alérxicas após inxerir diferentes menús elaborados por unha mesma empresa de cátering que fornece os comedores escolares. A Xunta investiga a orixe da intoxicación.

A Xunta de Galiza investiga os novos casos de intoxicación alimentaria que afectaron a preto dunha vintena de escolas infantís da Galiña Azul esta terza feira. É o segundo episodio destas características que se produce en menos dun mes en diferentes centros da rede galega de escolas destinadas a nenos e nenas de até 3 anos.

O 18 de outubro, unha decena de escolas infantís da contorna da Coruña máis da comarca do Morrazo deron aviso ás autoridades sanitarias de reaccións alérxicas no seu alumnado despois de consumiren unha caldeirada de castañeta, un dos dous pratos principais do menú previsto para esa xornada. Desta volta, a voz de alarma saltou en varios centros das comarcas da Coruña, Santiago, Ferrolterra, Betanzos e O Morrazo tras serviren o primeiro prato do día, lombo de polo con macarróns.

Reaccións alérxicas

En ambas ocasións, as reacción alérxicas apareceron de súpeto e foron similares. Ronchas ou grans arredor da boca, inchazón, sensación de proído e malestar. «A nós chamáronnos contra a unha da tarde», afirma Anxa Otero, nai dunha nena usuaria da Galiña Azul de Betanzos, «para pedirnos que pasáramos a recoller a nosa filla para levala ao centro de saúde porque tiña unha reacción alérxica. E coma ela, case unha ducia de nenos e nenas da escola que presentaban os mesmos síntomas».

O alumnado afectado pola contaminación alimentaria sufriu ronchas arredor da boca, inchazón, sensación de proído e malestar.

As familias encargáronse de levar a cativada á pediatra malia que a incomodidade e as manchas avermelladas desapareceron en pouco tempo sen necesidade de tratamento ningún. Tamén no caso das tres nesas afectadas na Galiña Azul do Castiñeiriño. «Desta volta incidencia foi menor», apunta Carme Romero, voceira das nais e pais da escola infantil. «Hai tres semanas vivimos a mesma situación. Daquela víronse afectados unha quincena de nenos e nenas despois de probar a caldeirada de castañeta e dalgunha maneira alarmounos que pasase o mesmo noutros centros». Agora, engade, resúltalles sorprendente que se repita a intoxicación cun alimento distinto. «Algún problema hai. E non temos capacidade para saber que pasa, por que cun produto diferente se produce a mesma reacción alérxica no alumnado».

«Casos illados e moi leves»

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, confirmou que se están investigando os novos casos de intoxicación «leve» así como «o alcance e as causas» destas contaminacións alimentarias. Segundo declarou, a Administración indaga a orixe do problema para «que non se volva repetir», e trata de esclarecer se este episodio ten algo que ver co ocorrido hai agora tres semanas. Rueda insistiu en que aínda «non hai conclusións definitivas» e aproveitou para enviar unha «mensaxe de tranquilidade» ás familias porque se trata de «casos illados».

Con todo, o Consorcio Galego de Benestar, encargado de xestionar os centros infantís, vén de obrigar á empresa Freire Chico S.L., a cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís públicas das que xestiona a cociña. Esta medida preventiva implantarase en todas as escolas, afectadas ou non, o que pode algunha modificación nos menús previstos para os próximos días.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar obriga a empresa conesionaria a cambiar de provedores

A partir desta quinta feira e «de xeito indefinido», tanto os alimentos como o enxoval de cociña «deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en estabelecementos próximos a cada escola infantil» indican desde o Consorcio, e engaden que todos «deberán contar con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidade dos produtos».

Investigación

O Consorcio Galego de Benestar confirma, ademais, que os técnicos da Consellaría de Sanidade xa analizan a comida supostamente contaminada.

«O primeiro que fixeron as educadoras foi retirar os pratos de comida sospeitosos, chamar a Xunta e o centro de saúde de Betanzos para que a incidencia quedara rexistrada e se poida investigar», asegura Anxa Otero, «pero non sabemos máis do procedemento que se inicia a partir. Ninguén nos informou». A experiencia de Carme Romero e das familias que levan os seus fillos e fillas á Galiña azul do Castiñeiriño é máis ampla. «Tras o primeiro episodio de contaminación alimentaria, os técnicos de epidemioloxía da Xunta recolleron mostras da caldeirada de peixe para podelas analizar». O que lles explicou a dirección, aos poucos días, foi que «o problema se puido deber á rotura da cadea de frío do peixe, que provocou un aumento da histamina no alimento e ao cabo a intoxicación das crianzas».

Técnicos de Sanidade analizan a comida e levaron a cabo inspeccións na sede do catering.

Ademais de analizar as mostras de comida, os técnicos de Sanidade tamén levaron a cabo inspeccións na sede da empresa concesionaria dos servizos de cociña, que se dá a coincidencia de ser a mesma en todos os casos de intoxicación rexistrados na rede da Galiña Azul, tanto no mes de outubro como este 5 de novembro.

O catering encargado de subministrar os menús diarios a preto dun cento de escolas infantís declinou facer declaracións a Nós Diario mentres non se pronuncie Sanidade. «De momento non hai nada que se lle poida atribuír a esta empresa», e asegura que ha compartir a súa posición unha vez a Xunta informe do resultado de todas as analíticas practicadas.

Intoxicación alimentaria en Pontevedra

Estes dous episodios nas escolas públicas da Galiña Azul non son os únicos que esperan unha resolución definitiva por parte da Xunta.

A Federación de Anpas de Pontevedra agarda o peche definitivo do expediente que investiga un terceiro episodio de intoxicación alimentaria noutra vintena de centros de Pontevedra e Marín. As reaccións alérxicas afectaron a 41 nenos e nenas de centros de infantil e primaria cuxos comedores escolares xestiona a propia federación.

«No noso caso os provedores son distintos dos que atenden o servizo de cátering das escolas da Galiña Azul afectadas. Pero o problema é o mesmo, incluso o alimento que motivou a reaccións alérxicas na cativada», explica Rogelio Carballo, presidente da federación. As análises practicadas á castañeta ao forno con ensalada de leituga que causaron malestar ao alumnado o 28 de outubro confirmaron que dos dous lotes empregados para elaborar ese prato, un estaba en mal estado.

«A clave está en asegurar a trazabilidade dos produtos, e aí, cada axente que intervén na cadea debe ser responsábel do seu propio control de calidade conforme as normas estabelecidas. Inventar novas fórmulas para un control preventivo dos lote alimentarios que se empregan non parece moi doado nin operativo, pero cómpre saber onde está a orixe do problema para poder actuar en consecuencia», afirma Carballo.

O informe final de Sanidade concluirá se houbo algunha neglixencia e de quen foi, o que lles permitirá a todas as partes dirimir o asunto e depurar responsabilidades.