Menos de un quilo: Portugal agarda que non cheguen maiores cantidades de granulados ás súas costas

Tarefas de limpeza de pellets levadas a cabo por voluntariado na praia de Patos, en Nigrán (comarca de Vigo). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

O número de granulados atopados na costa portuguesa non supera o milleiro

A Autoridade Marítima Nacional (AMN) de Portugal retirou menos de un quilogramo de pellets entre as praias de Caminha e Figueira da Foz desde o 8 de xaneiro e mantén a "baixa probabilidade" de que cheguen a Portugal maiores cantidades.

Así, o portavoz de AMN asegurou á axencia de noticias portuguesa Lusa que os pellets recollidos "seguen sendo cantidades insignificantes" e que, ademais, "non se sabe se son as mesmas partículas que se acharon na Galiza" a raíz da vertedura do contedor do barco Toconao.

"Seguimos falando de cantidades insignificantes. Non sabemos se algunhas das partículas son as mesmas que acabaron na Galiza tras o colapso do contedor, mentres que outras seguramente non o son, porque mostran signos de desgaste. Se cada partícula é un gramo, mil partículas serían un quilogramo", engade o portavoz.

Aínda así, a AMN intensificou as patrullas de voluntarios nestas praias e desde o pasado 8 de xaneiro localizáronse 320 pellets en Caminha; 200 en Viana do Castelo; 130 na zona de Póvoa de Varzim/Vila do Conde; 40 en Vila Nova de Gaia; 110 en Aveiro e 150 en Figueira da Foz, segundo precisou Lusa.

“Graves consecuencias”

Ademais, en declaracións para a axencia de noticias portuguesa, o presidente da Asociación de Defensa do Patrimonio (Associação de Defesa do Património), Gualdino Correia, mostrouse "preocupado" pola posíbel chegada destes granulados xa que, "terá graves consecuencias para a fauna mariña e o medio ambiente".

"A información que temos é que están a chegar pequenas cantidades. E a AMN non pode confirmar que sexa a que se perdeu, e chegou ás costas galegas, pero o seguimento da costa e das praias é fundamental para saber como evoluciona a situación", apuntou Correia.