Tres anos e medio de internamento para os menores detidos polo asasinato de Samuel Luiz

Altar creado na honra do mozo Samuel Luiz, en xullo de 2021. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Cumpren a condena nun centro de menores e, unha vez saian, estarán outros tres anos en liberdade vixiada.

Dous dos detidos polo crime de Samuel Luiz que eran menores de idade cando se produciron os feitos, en xullo do ano pasado, foron condenados a tres anos e medio por asasinato, a cumprir nun centro de menores, tras un acordo de conformidade entre as partes persoadas nesta causa.

Así o notificou esta cuarta feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), logo de que na terza confirmase que a principios deste mes xa se lles condenara tras un acordo de conformidade entre as partes, e que se atopaban cumprindo a condena nun centro de internamento en réxime fechado.

Desde o alto tribunal galego ratificaron que non se atopaban en liberdade, posibilidade que existía despois de que se alcanzase o prazo máximo de nove meses de internamento que podían estar nun centro de menores desde a súa detención se non había xuízo ou se chegaba a un acordo, como foi finalmente o caso.

Agora cumpren a condena en réxime fechado nun centro de menores, ao que se suma a medida de liberdade vixiada durante tres anos, "a cumprir unha vez saian do centro", precisan desde o TSXG, en relación a unha causa que se está a resolver nun xulgado de menores.

Tras o crime de Samuel Luiz foron detidas sete persoas: cinco adultos, entre eles unha muller, e os dous mozos que eran menores no momento dos feitos.

Para estes decretouse o seu ingreso nun centro de menores e para os tres adultos o ingreso en prisión. No caso dos outros dous, entre eles a muller, atópanse en liberdade, aínda que investigados, por estes feitos.

Pola morte do mozo, tras unha brutal malleira á saída dun local na avenida de Bos Aires da Coruña, na madrugada do 3 de xullo, Fiscalía e acusacións piden un delito de asasinato para os investigados. Polo de agora estase á espera de que se fixe a data dun xuízo que algunhas fontes consultadas por Europa Press non sitúan antes do verán.