Mellora lixeiramente a situación nos encoros galegos, que se atopan en 54,8% da súa capacidade

Pobo asolagado de Aceredo, en Lobios. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
Os niveis de auga seguen por debaixo dos datos do ano pasado e da media da última década.

Os encoros galegos recuperaron lixeiramente na última semana as reservas de auga. En concreto, gañaron uns 65 hectómetros cúbicos de auga nos últimos sete días, que elevan até 54,8% da súa capacidade, fronte a 53% de hai só unha semana.

Así, os encoros do Miño-Sil contan con 1.588 hectómetros cúbicos de auga almacenada, 43 máis que hai unha semana, e están a 52,4% da súa capacidade.

Pola súa banda, os de Galiza-Costa aumentaron en 22 hectómetros cúbicos de auga embalsada, ata os 447, 65,4% da súa capacidade total.

A pesar desta suba até os 2.035 hectómetros cúbicos de auga nos encoros da Galiza, derivada das xornadas de precipitacións das últimas semanas, os niveis de auga seguen por debaixo dos datos do ano pasado e da media da última década.

Prealerta de seca na Galiza-Costa

O pasado 7 de febreiro, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou que a Xunta declaraba a prealerta da seca en 12 dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa.

O feito de que a Galiza rexistrase este inverno a menor cantidade de precipitacións da última década, segundo o informe elaborado por Meteogaliza —entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente— a respecto do inverno climatolóxico, con datos de decembro, xaneiro e febreiro, fixo que as reservas dos encoros galegos, xa moi baixas por mor do baleirado feito polas empresa eléctricas, chegasen a niveis moi preocupantes.

Durante este período de ameaza de seca, as esperanzas do Goberno galego para que a situación remitise estiveron postas precisamente en que a tempada de baixa precipitacións remitise e volvesen as chuvías ao noso país.