O concesionario Ford da Europa máis laureado está na Galiza

De esquerda a dereita, o presidente de Ford Iberia, Jesús Alonso, e o xerente de Gonzacar, Marcial Castro.

As usuarias do servizo destacaron Gonzacar pola súa ‘excelente’ atención ao cliente, que o fixo merecedor do seu décimo Chairman’s Award

Marcial Castro é xerente de Gonzacar, concesionario oficial de Ford en Compostela, A Coruña, Ferrol, Carballo e Ribeira. A empresa acaba de ser galardoada co Chaiman’s Award, un premio a nivel europeo escollido en base ás opinións das clientes, que valoran tanto o servizo de taller como o de venda. Castro destaca a esixencia destas avaliacións. “Nunha escala de 1 a 5, un 3 sería satisfeito, e iso xa che resta!”, comenta.

 

Após consagrarse como gañador dez veces seguidas, o concesionario tamén celebra este ano o seu 25 aniversario. Cuestionado sobre as chaves para este éxito empresarial, Castro é claro. “Non é unha cuestión de segredos, é unha cuestión de procesos. Nós estamos certificados coa ISO 9001 (garantía medioambiental) e ISO 14001 (garantía de calidade) e, nunha empresa de servizos como é a nosa, a calidade da atención ao clientes é prioritaria”, explica.

 

Segundo o xerente, o concesionario realiza un “esforzo cotiá por cumprir co cliente e darlle un bo servizo”. Isto inclúe revisións mensuais para estudar as queixas dos usuarios e deseñar estratexias de mellora. “Somos 130 persoas na empresa, trátase tamén dun traballo en equipo onde todo está focado en atender o cliente”, afirma Castro, quen tamén incide na importancia de combinar a crecente dixitalización no sector servizo coa “parte máis afectiva e de contacto directo”.

 

O sector automobilístico, unha industria en transformación

 

O presidente de Ford Iberia, Jesús Alonso, visitou as instalacións en Ferrol e Santiago de Compostela para facer entrega deste décimo premio ao persoal de Gonzacar. Alonso trouxo á tona a diferenza impositiva entre os mercados de Portugal e do Estado español. “O prezo sempre é importante, e os impostos son unha parte importante deles. En Portugal aínda máis, dado que a pesar da recuperación que está a ter o país, teñen unha industria que está baixa”, relata.

 

A aspiración da empresa, segundo detalla Alonso, é chegar ás cifras rexistradas antes da crise. “Levamos uns anos de crecemento, mais despois de 2012 –cando o mercado foi reducido até case a metade do seu volume– aínda non chegamos a igualar as cifras previas á crise”, sinala. O presidente de Ford Iberia tamén vaticinou que o futuro da industria pasaría inevitabelmente por unha “electrificación” ao haber un maior segmento de mercado adicado a vehículos híbridos ou eléctricos, alén de poñer ao nu a importancia do mercado automobilístico. “Supón 10% do PIB estatal, hai moita xente traballando e confiamos na fortaleza da marca fronte a outros produtos”, conclúe.