Covid-19

Nivel máximo de restricións desde este sábado para Melide, Monforte de Lemos e Ordes

Persoas paseando polo mercado agrícola de Melide (SLG-Arquivo).

O 1,42% da poboación galega atópase agora en nivel máximo. Outros 21 municipios pasan a nivel alto, mentres que 41 localidades atópanse agora en nivel medio.

Desde este sábado os concellos que se atopan en nivel máximo de restricións pola Covid-19 serán Monforte de Lemos, Ordes e Melide. Estas medidas aprobáronse a pasada terza feira polo comité clínico e autorizadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Desta maneira, o 1,42% da poboación galega atópase agora en nivel máximo. En nivel alto permanece outro 4,17%, os habitantes de 21 concellos: Agolada, Lalín, A Cañiza, Arzúa, O Pino, Trazo, Curtis, Cee, Ares, Cerceda, Muxía, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Vilalba, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, A Pobra de Trives e Viana do Bolo.

Lembremos que nestes dous niveis, ademais, as reunións, tanto en espazos fechados como ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedarán limitadas aos grupos constituídos exclusivamente por persoas convivintes entre as 1,00 horas e as 6,00 horas da mañá.

Os outros niveis

No nivel medio hai 41 municipios, 14 menos que a semana anterior, o que se traduce en pouco máis do 33% da poboación da Galiza, concretamente a veciñanza da Coruña, Arteixo, Aranga, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Carballo, Corcubión, Ferrol, Fisterra, Frades, Muros, Noia, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, Santiso, Tordoia, Oleiros, Oza-Cesuras, Ponteceso, Zas, Bueu, Gondomar, Redondela, Nigrán, Sanxenxo, Silleda, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Baralla, Chantada, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei, Taboada, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Ourense e Verín.

Nun contexto cos indicadores á baixa, as cidades de Pontevedra, Vigo e Compostela tamén alixeran as súas restricións, ao pasar de nivel medio a medio baixo, o que é actualmente máis flexíbel. Neste rango atópanse agora gran parte dos municipios galegos, o 80%, ou, en termos poboacionais, algo máis de 1.600.000 habitantes -o 60% da poboación-.