As mulleres superviventes de 'Flores de Ferro' cobran nova vida no escenario

Un ensaio da obra.
A adaptación teatral do libro de María Rei implica máis de 60 persoas nun proxecto inclusivo e interxeracional da man de Melandrainas e coa memoria e as mulleres como eixos principiais.

O 27 de marzo, Día internacional do Teatro, o Teatro Colon da Coruña acollerá unha presentación moi especial, a adaptación teatral de Flores de Ferro, a obra de María Rei Vilas que gañou o García Barros e que o boca a boca convertiu nun libro que axiña enganchou non poucos lectores e lectoras. Entre elas, Marga Fernández, directora do colectivo teatral Malandrainas de Arteixo. "Lina durante a pandemia e xa non me din desenganchado dela", apunta a Nós Diario. Unha velada no café Melandrainas coa autora do libro derivou no compromiso de representala sobre un escenario, "sendo conscientes de que non era doado, mesmo nos daba algo de vertixe, pero pensamos que había que facelo".

O proxecto que comezou a desenvolverse hai uns meses e foi anunciado 'en sociedade' o pasado mes de outubro implica hoxe máis de 60 persoas, entre actores e actrices, equipo técnico... Unha montaxe na que participan desde crianzas até persoas maiores de 80 anos de idade e que tamén é inclusiva, implicando persoas con capacidades diversas.

2.0

É un proxecto teatral que vai máis aló do propio teatro pois integra o audiovisual, abrindo así a porta a poder representar aquelas pasaxes do libro que presentaban dificultades para representar sobre as táboas. As gravacións levaron o equipo por diversas localizacións, de Oleiros a Buño.

"É un proxecto ambicioso, nunca nos enfrontamos a algo así", recoñece Marga Fernández, que tamén incide na "grande ilusión" coa que todas se están a implicar no proxecto. 

flores de Ferro fala da memoria, das vítimas silenciadas, da represión, é tamén unha mirada a un mundo que desaparece, todo no marco da represión da guerra civil. Cuestións que agora cobran outra vida sobre os escenarios coa montaxe de Melandrainas.

Montaxe complexa

A montaxe de Flores de Ferro é "complexa", recoñece a directora de Melandrainas mais avanza a un ritmo marcado pola implicación e a ilusión. Un exemplo do que implica este proxecto é que, por exemplo, en vestiario van ser máis de 90 traxes. Ou o desprazamento para rodar en exteriores, con equipos de iluminación, son e filmación, para alén dos actores e actrices.

 A propia autora de Flores de Ferro recoñece estar "sorprendida" e "moi ilusionada" con esta montaxe teatral. María Rei Vilas apunta a que á hora de escribir esta obra pensaba nas súas fillas e nas novas xeracións, en que apenas coñecían un mundo ("o das súas nais, avoas, as mulleres que nos preceden") que desaparece, mulleres que foron quen de "sobrevivir nuns momentos" tan duros como os da Guerra Civil e a etapa posterior de represión.

Melandrainas naceu como asociación en 1997 e acomete agora o seu proxecto máis ambicioso. Unha iniciativa desde a base e o compromiso na que se pode apoiar a través de www.floresdeferro.art/.

Un equipo técnico dunha ducia de persoas é a columna vertebral da montaxe, que entre elas, o elenco, etc... implica por volta de sesenta persoas. O 27 de marzo, no Teatro Colón, estrearase o froito dun compromiso colectivo sobre as táboas en torno a unha idea, a de representar Flores de Ferro', que "unha vez que empezamos a darlle voltas sobre representala xa non puidemos parar".