Meiro, en Bueu, homenaxea o seu ‘tesouro negro’, o millo corvo

Unha manchea de actividades no encontro degustación poñen este domingo o ramo a tres días de propostas, que principiaron a sexta feira coa muiñada nos muíños do Canudo.

O lugar de Meiro, no Concello de Bueu (comarca do Morrazo) acolle esta fin de semana o XXIII Encontro e Degustación do millo corvo, unha variedade autóctona da Galiza que se cultivou durante séculos nesta bisbarra, sendo finalmente substituída por variantes máis produtivas e máis atractivas comercialmente.

O labor de recuperación etnográfica, gastronómica e cultural da Asociación Cultural de Meiro permitiu que, a día de hoxe, poidamos coñecer e, sobre todo, degustar a tradición culinaria que este peculiar millo leva asociada.

Desde a sexta feira e até este domingo, Meiro desenvolveu toda unha serie de actividades en torno ao seu ‘ouro negro’, un produto que está cada vez a ser máis valorado e que ten as súas raíces na Galiza en catro séculos atrás.

As primeiras testemuñas do cultivo desta variedade no país datan de 1618, precisamente no lugar de Meiro (Bueu, O Morrazo). 

O XXIII Encontro - Degustación do Millo Corvo é toda unha festa popular, declarada como Festa de Interese Turístico da Galiza.

Muiñada

A sexta feira arrancou esta edicion, nos muíños de Canudo, en Bueu, onde se desenvolveu a Muiñada do millo corvo. Todos os asistentes que así o quixeron puideron os muíños e observar en funcionamento o Muíño dá Presa, moendo o millo.

O sábado abriuse a Ecotaberna, que conta coa exposición e venda de alimentos e produtos naturais e orgánicos. Houbo diferentes coloquios e actuacións de música tradicional galega. Pola tarde, presentacións e degustacións, o obradoiro de alimentos fermentados, xogos tradicionais e a xornada puxo o ramo cun concerto de Uxía.

E no domingo, máis actividades e propostas: unha andaina polos Muiños de Canudo, o encontro e celebración das Amas dá Terra, Luís Davila fará unha ilustración do evento, actuación da agrupación folclórica Tumba e Dalle...

Tamén hai un Obradoiro ‘Galicia Latente’, actuación de Paco Nogueiras, das pandereteiras Cinco en Zocas....

A Asociación Cultural Meiro, de Bueu, organiza esta actividade, coa colaboración do Concello de Bueu, que ten como obxectivo a recuperación tanto etnográfica como cultural e gastronómica desta variedade de millo de cor negra case extinguida na comarca do Morrazo.