Medran as medias xornadas no ensino público

Concentración diante dun centro na Galiza no inicio deste curso (Nós Diario).
A CIG-Endino denuncia precariedade neste inicio de curso.

O curso comezou cun importante número de postos de traballo ofertados para persoal interino a media xornada. A CIG-Ensino denuncia que de 638 prazas ofertadas nos diferentes corpos de secundaria hai 93 que son a media xornada (un 14,6%), unha situación "moi diferente entre o profesorado de infantil e primaria, con cifras moi reducidas", segundo indican nun comunicado.

Para a central sindical "as contratacións a media xornada é un exemplo de precarización do emprego público e unha medida que a Xunta vén ampliando nos últimos anos, especialmente mediante os contratos programa".

Explican que "na adxudicación provisional do Recupéra-T, a suma dos contratos Arco e Proa+, hai 672 contratacións a media xornada por 217 a tempo completo". En opinión da CIG-Ensino "o recurso da Xunta a ter profesorado en precario consolídase curso tras curso". 

En todo caso apuntan que "a diferenza neste 2021/22 é que á modalidade de contratación habitual con horario e salario reducidos á metade, os contratos programa, engádeselle agora un importante incremento ao respecto de cursos anteriores de persoal docente dos cadros de persoal con contrato a media xornada". 

Centros sen profesorado de "reforzo"

Desde a central nacionalista argumentan que "os contratos programa son unha alternativa insuficiente e discriminatoria fronte á ampliación dos cadros de persoal". Poñen como exemplo que este curso 4 de cada 10 centros que imparten educación primaria e ESO non terán profesorado de "reforzo" vinculado ao contratos como o Proa+ ou o Arco. 

A resolución provisional dos centros de primaria e secundaria que contarán con docentes contratados con cargo a programas para este curso apunta a que só un 59% dos 903 centros nos que imparte primaria e ESO van contar con docentes destes programas. 515 centros (335 CEIP, 37 CPI e 143 IES) contarán durante o que queda de trimestre con contratacións que aínda non teñen data de comezo. Por outro lado, hai 299 centros (191 CEIP, 24 CPI e 84 IES) que contarán con docentes Proa+.

"Como moitos destes centros terán acceso aos dous programas, a cifra final de centros redúcese a 537", aseguran desde o sindicato.