Sanidade

Medran as listas de espera: máis de dous meses e medio agardando por unha cirurxía no Sergas

Mobilización en defensa da sanidade pública decorrida en Compostela, en 2020. (Foto: Arxina)
Ao remate de 2021 había máis de 193.622 persoas agardando por unha primeira consulta, case 70.000 máis que en 2020.

A demora media para operarse a través do sistema público subiu en seis das sete áreas sanitarias da Galiza a 31 de decembro de 2021, en comparanza remate do ano anterior, e só baixou na de Pontevedra-O Salnés, que rexistra unha espera de once días menos.

Así se reflicte na actualización das listas de agarda publicada esta sexta feira polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), unhas listaxes que adoitan facerse públicas a finais de xaneiro.

O tempo medio de espera aumentou ao remate do exercicio pasado —marcado pola pandemia da Covid-19— a 78,2 días para unha intervención cirúrxica, o que supón 5,3 máis que os 72,9 de decembro de 2020.

Hai 40.401 persoas en lista de espera para unha intervención cirúrxica cunha demora media de 78,2 días para operarse, das cales 28.516 agardan menos de tres meses; 8.474, entre tres e seis meses; 2.964 de medio a un ano, e 447, máis de doce meses.

A espera redúcese moi levemente ao engadir os datos do hospital concertado de Povisa (Vigo), ao ficar en 77,3 días, malia que tamén medra en comparanza cos 72,6 días do 31 de decembro de 2020, con até 43.194 persoas en lista.

Por prioridades, as intervencións máis urxentes (1) rexistra unha media ao remate de 2021 de 19,4 días no conxunto do país —fronte a 18,2 un ano antes—, con 1.585 persoas na lista, un dato superado polas áreas de Ferrol (27,4), Lugo-A Mariña-Monforte (26,7) e Vigo (19,5), mentres que as outras catro fican con menor demora: A Coruña-Cee (16,3), Compostela-O Barbanza (15,9), Ourense-Verín-O Barco (17,8) e Pontevedra-O Salnés (11,5).

E en prioridade 2 a demora media ascende a 78,2 días —fronte aos 70,4 de decembro de 2020—, con 9.825 en lista de espera. Supérana as áreas da Coruña (84,1), Compostela (86,2), e Vigo (80,8), e por baixo seguen as de Ferrol (72,8), Lugo (66,8), Ourense (75,8) e Pontevedra (48,7).

70.000 persoas máis agardando pola primeira consulta

No que atinxe ás esperas para primeiras consultas, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Sergas, aumentan en cinco das sete áreas sanitarias galegas, mentres que baixan nas de Vigo e, sobre todo, na de Ferrol (13 días menos).

Por riba da media galega, que ascende a 56,4 días (7,1 máis que ao remate de 2020), sitúanse as áreas sanitarias de Ferrol, con 66,5 (13,4 días menos); Lugo, con 79,6 (17 máis), e Ourense, con 71,5 (13,5 máis).

Por baixo da media, en cambio, fican as da Coruña, con 49,9 días de media (6,9 máis); Compostela, con 44,8 (12 máis); Pontevedra, con 44,6 (9,4 máis), e Vigo, con 40,9 (0,1 menos).

A 31 de decembro de 2021 había 193.622 persoas en lista de espera de consultas, fronte ás 124.404 de decembro de 2020, das cales 163.462 agardaban menos de tres meses; 22.938, entre tres e seis meses; 6.382, entre medio e un ano, e 840, máis dun ano.