Medra a presión social contra os macroproxectos eólicos

Presentación da Plataforma de Afectadas polos Eólicos que se proxectan neste municipio, os de Cunca e Mesada (Foto: Nós Diario).
"Só nos explican a parte boa, non os efectos negativos dos parques", di a Plataforma de Afectadas polos Eólicos de Vila de Cruces.

A veciñanza de Vila de Cruces constituíron nesta quinta feira a Plataforma de Afectadas polos Eólicos que están proxectados neste municipio, os de Mesada (promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia SA) e Cunca (Green Capital Power SL).

"Non se trata dunha cuestión política, somos unha unión de veciños e veciñas que queremos informar sobre as consecuencias destes proxectos", sostén, en conversa con Nós Diario, o responsábel de comunicación do colectivo, Alberto Peiteado.

Neste senso, censura a "desinformación" que sofren as persoas afectadas, "tanto por parte da Xunta como do propio concello". A estes proxectos en Vila de Cruces súmase o eólico xa operativo de Monte Carrio, e Greenalia está a tramitar outros dous (Rodeira e Axóuxere), co que, na práctica, os aeroxeradores conformarían un único 'macroparque'.

"Cremos que se pode facer unha planificación eólica menos agresiva", di. Desde a plataforma salientan que non se opoñen ás enerxías renovábeis, senón ao modelo actual de implantación das mesmas.

Peiteado salienta que os muíños ficarían "demasiado preto de zonas residenciais" e "duplicarían os que xa hai". Aliás, afirma que os estudos de impacto dos proxectos "non teñen en conta as afeccións aos acuíferos". "Só nos explican a parte boa, o que imos gañar cos parques, mais non temos información suficiente sobre os efectos que terían na contorna", expón.

A plataforma mantén este sábado unha nova reunión para artellar os pasos a seguir: "Queremos informar ás e os veciños de que estes proxectos serían máis prexudiciais que beneficiosos para nós, e xuntar todas as alegacións posíbeis para presentar un recurso".

Outras mobilizacións

Por outra banda, Ecoloxistas en Acción vén de presentar alegacións contra o eólico proxectado en catro concellos de Asturies que limitan con Negueira de Muñiz. Trátase, afirman dunha zona "de alto valor ecolóxico, pertencente á Rede Natura 2000".

Aliás, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) está a desenvolver este mes un ciclo de conferencias sobre o impacto dos macroproxectos eólicos, que considera "unha ameaza para o patrimonio cultural galego".