VIOLENCIA MACHISTA E LGTBIFóBICA

A maioría das agresións ao colectivo LGTBi fican sen seren denunciadas

Senllos informes elaborados polo Ministerio de Sanidade español e o Valedor do pobo apuntan un descenso no número de denuncias das mulleres en situación de violencia e a escaseza destas nos ataques cara ao colectivo LGTBi.

 

Por que non se denuncian as agresións machistas ou aquelas que atinxen as liberdades sexuais? 

Segundo os informes elaborados polo Ministerio de Sanidade español através da Macroenquisa sobre violencia de xénero de 2015, entre as razóns polas que as mulleres deciden non denunciar son "non conceder suficiente importancia" ás situacións de violencia (44,6%), o medo (26,56%) e a vergoña (26,56%). 

Para alén destas, que se sitúan como as principais, as mulleres en situación de violencia argüen tamén a auto-inculpación (9,22%), a dependencia emocional (9,05%), non dispor de recursos económicos suficientes (8,36%), o medo a perder as crianzas (8,36%), medo a non seren cridas (8,23%) e mesmo o temor a que a súa parella ou ex-parella sexa detida (7,39%). 

No cerne desta cuestión sitúase un leve descenso do número de denuncias presentadas no primeiro trimestre de 2015. E é que segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, a respeito de 2014 o número caeu o 0,4%. Porén, a respeito de 2010 a queda foi máis acusada pasando de 32.492 a 30.293. 

Salienta o feito de que a principal razón para non denunciar sexa o feito de non consideraren de suficiente gravidade as agresións, cunha diferenza notábel (máis de 20 puntos) a respeito da segunda, o que denota a normalización de determinadas formas de violencia como o control ou a violencia psicolóxica. 

O 20% das mulleres que acoden á policía ou ao xulgado retiran a denuncia, principalmente, polas promesas de que non volverá acontecer

Doutra banda, aquelas mulleres que deciden retirar a denuncia afirman que os motivos responden a promesas por parte do agresor como que non acontecería máis (29,35%), crer que pode cambiar (28,66%), o medo (28,59%), o feito de ser o pai das súas crianzas (24,86), ter sentido pena (23,95%) ou ter sido ameazada (18,98%). 

Segundo a Macroenquisa publicada polo goberno español o 20% das mulleres retira a denuncia, un feito salientábel se temos en conta que unha porcentaxe moi elevada das mesmas remata sobreseída, sendo que Galiza constitúe o segundo territorio do Estado español onde máis procesos xudiciais por violencia machista non chegan a desenvolverse, só superado por Nafarroa. 

Sen un mecanismo "áxil" e "eficaz" para a denuncia da LGTBifobia

 

Un patrón semellante seguen as agresións LGTBifóbicas. Segundo o informe publicado polo Valedor do Pobo e intitulado A situación das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza, a maioría dos casos non se denuncian sendo que a esta institución só chegaron no último ano "menos de 10 queixas concretas e específicas" procedentes do colectivo LGTBi. 

O Valedor do Pobo reclama que as operacións de reasignación de sexo se practiquen na Galiza e que a transexualidade sexa despatoloxizada

No estudo, elaborado coa colaboración de Chrysallis Galiza (actualmente Arelas), Centros Quérote +, It get's better, Nós Mesmas, Ultreira LGTBI Santiago, ALAS A coruña, Aleas-EU e 7 Cores, o Valedor sinala que malia a abondosa normativa en vigor constatou no diálogo cos colectivos que "hai problemas" polo que en poucas ocasións se fan uso das "ferramentas legais, administrativas ou penais" existentes para "faceren valer os seus dereitos". 

"Non hai un mecanismo áxil e eficaz para denunciar, por medo, por vergoña, por estigmatización ou por desconfianza no sistema non se fai, sobre todo no rural", salientou en comparecencia de imprensa Julio Fernández. 

No concreto, o Valedor advirte do "problema médico" que existe na Galiza para as operacións de reasignación de sexo, algo que a día de hoxe "aínda non se pode facer" aquí. "Nós facemos presión para que cambie porque entendemos que, unha vez que a persoa transexual ten todos os informes favorábeis, é unha cuestión que conecta coa súa dignidade", acrecentou Fernández. Asemade, o Valedor insta a que a transexualidade non sexa tratada como "unha patoloxía".