"Medo" en Teo pola posíbel reapertura de Pirotecnia Calo: "Non queremos que volva pasar o mesmo"

Veciñanza de Solláns no Rexistro Xeral da Xunta. (Foto: Nós Diario)
A fábrica sufriu unha explosión en 2006 que provocou danos materiais en vivendas da parroquia.

Un grupo de veciñas e veciños de Solláns, da parroquia de Calo (Teo), entregaron esta quinta feira no Rexistro Xeral da Xunta en San Caetano máis de 200 alegacións contra a reapertura dunha empresa pirotécnica que linda co núcleo urbano. "Vivimos con medo", aseguraron.

Na madrugada do 13 de febreiro de 2006, Pirotecnia Calo sufriu unha explosión a tan só 150 metros de vivendas habitadas. Aínda que non causou vítimas mortais, a explosión provocou danos materiais nunhas 40 casas nun radio de 400 metros, e até se atopou unha viga da fábrica a 200 metros do lugar, segundo relataron os veciños en declaracións a Europa Press.

"Queremos loitar para que a pirotecnia non volva abrir, fixo moito dano e non queremos que pase outra vez o que xa pasou", sentenciou Otilia, veciña de Solláns afectada pola explosión de 2006. Ademais, especulou con que a empresa almacenara "máis material do permitido" pola licenza: "Todos sabemos que non vai respectar o límite, en 2006 a explosión foi provocada por 250 quilogramos cando o máximo era cinco", dixo.

Nas alegacións, os veciños piden que as administracións públicas atendan o "principio de cautela" e "poñan por diante a seguridade cidadá". "Esta actividade xera un risco claro e que no pasado evidenciou que pode afectar directamente á vida, saúde e patrimonio das persoas, polo que en consecuencia, debe denegarse a autorización solicitada", recolle o escrito.

"Risco" para o alumnado do concello

Pola súa parte, a Asociación de Nais e Pais do Colexio de Calo tamén presentará unha alegación conxunta esta sexta feira. A tesoureira da Anpa, Eva Peiteado, explicou que "hai moito alumnado vivindo perto da zona".

Aliás, subliñou que varios autobuses escolares pasan por estradas que lindan co terreo da fábrica. "Levan máis de 175 alumnos, fan varias viaxes e pasan a menos de 100 metros, esa proximidade é un perigo constatado", aseverou Peiteado.

Outra veciña afectada, Concha Lopes, sinalou que "non teñen nada en contra do dono": "Non temos nada en contra de que se monte esa actividade, pero debe ser nun núcleo onde non afecte á xente", asegurou.