Medio Rural dá por controlado o incendio de Moaña

Un helicóptero traballa nos labores de extinción do incendio de Moaña. (Foto: Europa Press)
O lume de Ponteareas permanece estabilizado.

A Consellería de Medio Rural deu esta tarde por controlado o incendio que desde a segunda feira afecta o municipio de Moaña, onde foi necesario activar a alerta por proximidade das lapas ás vivendas na parroquia de Meira.

A conta de Twitter @incendios085 informou arredor das 17.30 horas que o lume, estabilizado desde a medianoite de onte, está baixo control dos servizos de extinción.

O lume queimou unhas 20 hectáreas, e nas tarefas de extinción traballan oito avións, cinco helicópteros e 27 brigadas, entre outros efectivos.

Este incendio obrigou a cortar a autovía do Morrazo durante unhas horas da tarde de onte. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicou que se viviron situacións críticas, "cos veciños apagando o lume desde terra", aínda que apuntou que non houbo desaloxos porque os habitantes traballaban na zona con caldeiros e mangueiras.

Incendio en Ponteareas

Por outra parte, o incendio tamén declarado esta segunda feira no concello de Ponteareas continúa estabilizado. Segundo as estimacións provisionais, este lume calcinou unhas 25 hectáreas de terreo forestal.

Ao igual que no caso de Moaña, a evolución do lume obrigou a estabelecer a Situación 2 de risco de emerxencia pola proximidade das lapas a núcleos habitados.

Sobre o terreo traballan nove helicópteros, seis avións e 17 brigadas, entre outros medios.

A rexedora municipal de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicou na segunda feira que "o lume chegou moi perto, ao límite das vivendas". Da mesma forma que en Moaña, a veciñanza viuse obrigada a colaborar cos seus medios mollando a contorna das vivendas para evitar que as lapas se aproximasen aos seus fogares.