Que prezo tería o bosque galego?

O Courel.
Perto de 1,9% do PIB galego procede da cadea forestal-madeira.

Segundo estimacións preliminares elaboradas por persoas expertas do sector forestal, a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros, dos cales as frondosas caducifolias achegan un valor próximo aos 17.700 euros.

Así o destacou esta cuarta feira o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da presentación do Informe Anual da Cadea Monte-Industria decorrida en Compostela. 

Segundo os datos achegados por este informe, a Galiza conta con perto de 620.000 ha de frondosas caducifolias, 420.000 ha de coníferas –piñeirais, na súa maioría– e 409.000 ha de eucaliptais, unha cifra que, segundo o informe do Consello da Cultura Galega Impacto no patrimonio natural e cultural dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido tería aumentado unhas 53.000 ha nos últimos dez anos. 

O sector en datos

As persoas expertas do sector forestal tamén destacaron que, en comparación co contexto estatal e internacional, no ano 2018 a cadea forestal-madeira da Unión Europea achegaba o 1,4% do seu PIB. No Estado español, esta cadea supón perto de 0,9% do PIB, mentres que na Galiza este valor ascende a perto de 1,9%.

De cada cen unidades monetarias de valor engadido xerado no Estado neste sector, 10,5 proveñen da Galiza, que ademais destaca pola súa especialización nos primeiros elos da cadea e, especialmente, na silvicultura. Máis do 40% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado no Estado, segundo a Consellaría, provén da Galiza. 

As ramas económicas da silvicultura, explotación forestal e da industria da madeira representan o 61,5% do VAB do sector forestal galego, só superado en toda a Unión Europea por Letonia e Lituania.