Medio Rural amplía até final de mes a suspensión de feiras e poxas de gando ante a dermatosis nodular contaxiosa
A conselleira destaca que segue sen detectarse ningún caso de gripe aviaria en animais domésticos nin granxas na Galiza.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, informou de que se amplía até o 30 de novembro a suspensión de todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando na Galiza para protexer os animais fronte á dermatosis nodular contaxiosa (DNC), despois dos focos detectados en Catalunya. Tamén está prohibida a entrada na Galiza de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como restrinxidas a esta enfermidade. Con todo, os bovinos que cheguen con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.
Segundo valorou a conselleira esta cuarta feira, "afortunadamente, nas últimas semanas non houbo máis casos" en Catalunya, o que "é unha boa noticia". Con todo, pediu "responsabilidade e precaución" aos gandeiros na desinfecció e coas reses procedentes doutros territorio. "Toda precaución é pouca para evitar a dermatite nodular, que esperemos que non chegue a Galiza, pero de modo preventivo ampliaremos as medidas existentes", explica.
Carta ao ministro Planas
Por outra parte, a Xunta da Galiza remitiu unha carta ao ministro de Agricultura, Luis Planas, na que reclama "coordinación" para que todas as comunidades adopten "as mesmas medidas" e indemnizacións, "igual que está a facer coa gripe aviaria".
Tamén pide ao Ministerio que inste a Bruxelas a sacar esta enfermidade de categoría A, pois non é contaxiosa para os humanos, o que "suporía que non se sacrificarían todos os animais nunha granxa, só os afectados" e o resto ficarían en coarentena "como se fan con outro tipo de enfermidades". Advirte, tamén, "dunha afección económica brutal para os gandeiros", debido a que "hai que sacrificar todos eses animais dentro da granxa e proceder á súa destrución".
Igualmente, reclama que se de demande a Bruxelas "unha vacina marcada" para previr a enfermidade antes de que chegue, "porque a que hai actualmente é unha vacina que non está marcada, por tanto non se pode aplicar de modo xeneralizado".
Gripe aviaria
No que ten a ver coa gripe aviaria, a conselleira asegurou que "non se detectou ningún caso en animais domésticos nin en granxas avícolas" na Galiza. Subliñou que "os casos que se detectaron son en fauna salvaxe", cunha forte migración nestas datas, polo que se adoptaron restricións de "precaución" nun total de 40 municipios galegos para as galiñas.

