Medio millón de fogares galegos dependen das prestacións

(Foto: M. Madriñán).

A cifra máis alta desde 2015.

Un total de 470.000 fogares galegos, 44% do conxunto, recibiron en 2020 máis da metade dos seus ingresos de prestacións públicas, xa sexan pensións da Seguridade Social, subsidios de desemprego ou outras axudas non contributivas como a Renda de inclusión social de Galicia (Risga). De acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) trátase da cifra máis alta, tanto en números absolutos como en termos relativos, nos últimos sete anos

Ademais, un de cada tres fogares na Galiza (35%) teñen nesta vía, as prestacións, tres de cada catro ingresos que entran na casa. E 30% teñen todos os seus ingresos por este medio, é dicir, procedentes de prestacións. No primeiro dos casos estamos a falar de 370.000 fogares galegos e no segundo 330.000.

52,22% dos fogares galegos ten dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos publicadospolo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos ao terceiro trimestre de 2021. Esta taxa supón un descenso de dous puntos respecto dos anteriores tres meses, mais computa un lixeiro incremento fronte ao mesmo período de 2020.

Así, os fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade sitúanse no 47,78%, tres puntos máis que no segundo trimestre (44,18%), aínda que por baixo de hai un ano (48,18%). En comparación co segundo trimestre deste ano, os fogares que chegan con dificultade a fin de mes aumentan (pasan do 46,81% ao 47,05%), aínda que os que contan con moitas dificultades diminúen (do 9% ao 5,17%).

Se se toma como referencia o terceiro trimestre de 2020, crecen máis de dous puntos os fogares con dificultades, mentres descenden dous puntos o que teñen moitas dificultades.

Exclusión

A taxa de risco de pobreza na Galiza aumentou 0,88 puntos en 2020, até se situar en 16,11%, segundo a enquisa conxuntural a fogares d o Instituto  Galego de  Estatística (IGE).

En 2020, 19,51% da poboación residente na Galiza está en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón un aumento de 0,68 puntos respecto ao ano anterior.

Por idades, este indicador reduciuse nos grupos de 50 a 64 anos e de 65 ou máis anos e aumentou nos tres grupos restantes: menores de 16, de 16 a 24 e de 25 a 49.