Medio milleiro de denuncias na Galiza na fin de semana por infrinxir o estado de alarma

Garda Civil

A cifra corresponde só ás tramitadas pola Garda Civil

A Garda Civil tramitou 496 denuncias por infraccións do estado de alarma durante a pasada fin de semana na Galiza, 293 o domingo e 203 o sábado.

Así o informaron fontes do Instituto Armado, que apuntaron que en xeral trátase de persoas interceptadas a pé ou en vehículos que non cumpriron as normas decretadas que leva o confinamento para frear o coronavirus Covid-19.

Estas cifras corresponden só ás denuncias tramitadas pola Garda Civil, polo que o número toral é maior, pois hai que engadir as da Policía Local, Policía española, etc...

Nos primeiros días de confinamento, as denuncias presentadas por non cumprir con esa obriga tiñan unha orixe variada: Denunciado un rapaz en Boiro que alegou que non "sabía" do estado de alarma pois non ten televisor, outro foi denunciado por circular nunha motocicleta e asegurou que ía comprar " pan" a 20 quilómetros da súa casa, xa que é de Noia e foi localizado en Mazaricos. Así mesmo, foi denunciado un individuo de Mugardos que ía comprar tabaco a Pontedeume e outro que paseaba o seu can polas Fragas do Eume a sete quilómetros do seu domicilio.

En total o Estado español, o domingo foron detidas pola Garda Civil 15 persoas e 4.784 denunciadas; e o sábado houbo 18 arrestadas por este corpo de seguridade e 3.407 denunciados no Estado español por infraccións ás normas establecidas con motivo do estado de alarma.