Denunciado un rapaz en Boiro que alegou que non "sabía" do estado de alarma pois non ten televisor

Interceptado un individuo que dixo ir comprar " pan" a 20 quilómetros da súa casa en Mazaricos e dúas persoas que ían xuntas ao videoclube en Boiro

Un rapaz da localidade barbanzá de Boiro foi denunciado por incumprir as normas decretadas no marco da crise do coronavirus ao ser interceptado na vía pública cando escoitaba música nuns auriculares e alegar que non "se decatou" do estado de alarma porque non ten televisor en casa.

Así o informaron esta sexta fontes das forzas de seguridade en relación a incumprimentos na provincia da Coruña, que apuntaron, ademais, que foi denunciado outro individuo que circulaba nunha motocicleta e asegurou que ía comprar " pan" a 20 quilómetros da súa casa, xa que é de Noia e foi localizado en Mazaricos.

Así mesmo, foi denunciado un individuo de Mugardos que ía comprar tabaco a Pontedeume e outro que paseaba o seu can polas Fragas do Eume a sete quilómetros do seu domicilio.

Tamén axentes do Instituto Armado interceptaron persoas que facían deporte, entre eles un que practicaba surf nunha praia e outro running en Esteiro, Muros.

Outros incumprimentos detectados corresponden a unha persona que dixo que ía plantar patacas nunha leira "lonxe da súa casa", puntualizaron as mesmas fontes.