Segunda 'roga' en Froxán: Medio cento de persoas voluntarias plantarán 1.300 árbores autóctonas máis no monte

Imaxe de Columna san Fins

O próximo domingo 4 de febreiro daranse novamente cita no Monte Veciñal de Froxán, en Lousame, máis de 50 persoas voluntarias de todas as idades para a segunda “roga, xornada de traballo en común, coa que se continuarán os traballos de substitución de eucaliptos por carballos na seguinte hectárea “amadriñada”. Após recadar máis de 11.000 euros en donativos en tan só un mes nun “crowdfunding” solidario e despois do éxito da primeira “roga feita o pasado día 20, as entidades promotoras (Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a propia Comunidade do Monte de Froxán) plantarán carballos, cereixeiras, bidueiros, ameneiros, freixos e aveleiras nunha zona de monte que se vira arrasada por un incendio en 2016.

 

Con esta nova xornada de traballo, serán xa 2.600 árbores frondosas autóctonas plantadas  en zonas antes dominadas polo eucalipto e as acacias. Estarase así máis perto do obxectivo final de restaurar o bosque nativo plantando 13.000 árbores nun total de 10 hectáreas. 

 

Un monte singular

 

O monte de Froxán, xunto co de Santiago de Covelo, foron os primeiros de todo o Estado español a seren declarados Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), unha figura apoiada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que pretende destacar o empeño e resultados en materia de conservación realizado por estes colectivos.