Monte veciñal de Froxán: máis de 200 persoas amadriñan case 2.000 árbores en dúas semanas

Imaxe de Columna San Fins

O obxectivo último o de completar a substitución de eucalipto por máis de 13.000 árbores autóctonas nun total de 10 hectáreas

 

A campaña de micromecenado para converter eucaliptais en bosques de frondosas autóctonas no Monte Veciñal de Froxán está a bater récords de participación e supera xa os 6.000 euros recadados en apenas 15 días. As entidades promotoras desta iniciativa son Verdegaia, a Sociedade Columna Sanfins e a propia comunidade de montes.

 

Esta mesma semana delimitouse sobre o terreno a primeira hectárea sobre a que se actuará cos fondos recadados ata o momento. Trátase dunha zona de vagoada que si vira afectada pola vaga de incendios de 2006 hoxe dominada por pés espontáneos de eucalipto. Os primeiros traballos realizaranse os días 20 de xaneiro e 4 de febreiro e está abertos ao público en xeral, sendo necesario anotarse cinco días antes enviando un email á Sociedade Coluna Sanfins (colunasanfins@gmail.com), pois a organización ofrecerá luvas, bocata e bebidas ás participantes.

 

En simultáneo lanzarase no portal biodiversidade.eu un mapa no que se demarcarán oas zonas de monte amadriñadas por cada persoa colaboradora, nos que se depositará ademais unha pedra rotulada co nome desa persoa.  As entidades promotoras lembran que poden continuar a facerse achegas, sendo o obxectivo último o de completar a substitución de eucalipto por máis de 13.000 árbores autóctonas nun total de 10 hectáreas.

 

O monte de Froxán, xunto co de Santiago de Covelo, foron os primeiros de todo o Estado a seren declarados Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), unha figura respaldada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que pretende destacar o empeño e resultados en materia de conservación realizado por estes colectivos. De feito, o de Froxán é o primeiro territorio deste tipo a ser incorporado á Base de datos mundial de Áreas Protexidas despois de pasar por un proceso nacional de revisión por pares.