Medio ano do naufraxio do 'Vila de Pitanxo': As familias dos falecidos insisten en baixar ao barco

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ministerio de Pesca)
Os familiares dos mariñeiros falecidos denuncian a "deixación de funcións" do Goberno español.

Esta segunda feira cúmprense seis meses desde que o pasado 15 de febreiro o pesqueiro galego Vila de Pitanxo sufrise un naufraxio no mar de Terranova, a 450 quilómetros de distancia das costas de Canadá. O sinistro marítimo deixou 21 falecidos, entre corpos recuperados e desaparecidos, e tres sobreviventes.

Neste medio ano, os familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio insistiron na necesidade de baixar ao pecio para obter novos datos sobre o ocorrido, así como para intentar atopar os restos mortais dos desaparecidos.

Hoxe mesmo, a súa portavoz, María José de Pazo, volveu trasladar aos medios de comunicación que "demostramos de maneira demoledora que se pode baixar ao barco de forma segura".

Neste sentido, a portavoz lembrou que Noruega "ofrece gratuitamente un sonar para medir a profundidade e un robot" para poder achegarse aos restos do Vila de Pitanxo, mais o Goberno español non respondeu aínda a este ofrecemento.

Críticas ao Goberno español

María José de Pazo mostrouse moi crítica coa xestión do naufraxio levada a cabo polo Executivo estatal nestes seis meses.

Así, acusou o Goberno español de "falta de rigor" e "deixación de funcións". Para a portavoz das familias, trátase dunha "gran vergoña" porque "alardea de ser o goberno que vela pola clase traballadora".

Entre as cuestións que denuncian os familiares e achegados dos mariñeiros falecidos, destaca que a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, non explicase "por escrito" o motivo de non baixar ao Vila de Pitanxo, após reunirse en varias ocasións con ela.

Tamén lamentan que o Ministerio de Traballo e a súa titular, Yolanda Díaz, non se reunise con eles, a pesar de que "hai claramente probas de delitos graves contra a seguridade e saúde dos traballadores".