Medio Ambiente autoriza os parques eólicos Neboada e Seselle

O Goberno galego considerou viábeis catro dos seis parques eólicos do monte do Gato. (Foto: Nós Diario)
Neboada é o quinto proxecto que supera o trámite ambiental dos promovidos polos socios da familia do tenista Rafael Nadal entre Quiroga, Trives e Valdeorras. Pola súa parte, o parque eólico Seselle, de Galenergy, é o cuarto autorizado no monte do Gato (As Mariñas).

Segue adiante o 'macrocomplexo' eólico proxectado sobre o monte do Gato, entre os municipios de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, con catro dos seis parques que o conforman autorizados pola Consellaría do Medio Ambiente, un rexeitado e o sexto á espera de coñecer a resolución da declaración de impacto ambiental (DIA). Esta cuarta feira o DOG informa da concesión dunha DIA favorábel, nun documento asinado o pasado 3 de xaneiro pola directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta, María Sagrario Pérez Castellanos, para o proxecto denominado Seselle.

Trátase dunha iniciativa de Galenergy, que neste mesmo emprazamento busca colocar outros dous parques, Feás e Fontella, canda os tres promovidos por Greenalia, Felga, O Gato e Penas Boas. Este último é o único pendente de resolver o trámite ambiental, namentres dos restantes só Fontella foi informado negativamente.

O parque eólico Seselle, situado no termo municipal de Oza-Cesuras, constaría de seis aeroxeradores cunha potencia total instalada de 31,2 megawatts (MW), se ben inicialmente a proposta contemplaba sete máquinas. Unha delas, porén, foi suprimida pola súa "incompatibilidade" co recente achado no lugar de diferentes petróglifos. A produción estimada destas instalacións é de máis de 90.000 MWh/ano, o equivalente ao consumo anual eléctrico duns 30.000 fogares.

Do mesmo modo que acontece cos outros cinco proxectos do monte do Gato, a zona de actuación do parque eólico Seselle ten a consideración de área protexida, recoñece a propia DIA, pois fica dentro dos límites da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo. Dous aeroxeradores situaríanse na denominada 'zona tampón' —na que só se poden autorizar actividades compatíbeis coa conservación da natureza— e os restantes na de 'transición'.

A dirección xeral de Patrimonio Natural considera "compatíbel" o potencial impacto destas instalacións sobre a reserva da biosfera —"non é previsíbel que o proxecto xere efectos significativos— e coa preservación da biodiversidade, a diferenza do seu veredito en relación ao parque eólico Fontella, localizado na 'zona núcleo' deste espazo e, polo tanto, cualificado de "incompatíbel".

Autorizados os cinco parques eólicos vinculados á familia Nadal

Por outra parte, o DOG tamén recolleu esta cuarta feira a resolución de Medio Ambiente favorábel para o parque eólico Neboada, proxectado entre os concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río por Maia Directorship S.L., con domicilio social en Pozuelo de Alarcón (Madrid). A sociedade é propiedade da familia balear Mascaró, que mantén diferentes negocios vinculados ás enerxías renovábeis co pai do tenista Rafael Nadal, Sebastián.

Neboada está conformado por catro aeroxeradores e unha potencia total de 25,2 MW —foi reducido á metade durante a tramitación ambiental, dado que inicialmente constaba de oito muíños e 50 MW— que producirán perto de 80.000 MWh/ano. Este parque súmase a Ventumelo, Treboada, Xeada e Orballeira, que xa recibiron nas últimas semanas a DIA positiva e tras os que se atopan, por medio dun conglomerado de sociedades, os mesmos promotores. Os cinco parques eólicos situaranse nunha contorna próxima entre as comarcas de Quiroga, Trives e Valdeorras.